CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Repasamos a obra de Christine Nöstlinger con Montse Penas

26/07/2019 - 10:50 h

A autora austríaca Christine Nöstlinger foi unha das escritoras de LIX do S. XX máis recoñecidas no seu pais, pero tamén tivo unha pegada importante na nosa literatura, xa que bastantes dos seus libros foron traducidos ao galego. Hoxe reparamos nunha das obras da cuatriloxía protagonizada polos amigos Susi e Paul: Querida Susi... querido Paul, Querida avoa... a túa Susi, Diario secreto de Susi. Diario secreto de Paul e A auténtica Susi, no que a autora semella darlle a oportunidade ao seu lectorado de ir medrando con estes personaxes, podendo coñecer así a unha Susi adolescente e máis madura.

Diario secreto de Susi. Diario secreto de Paul foi premio Andersen e ten unha peculiaridade orixinal: como indica o título, media obra é o diario de Susi e a outra media, o diario de Paul. A lectora só ten que xirar o libro para comezar a ver como se ven os acontecementos dende a perspectiva do outro protagonista e comprobar, así, que a realidade ten moitas versións. Ademais, as ilustracións, de ton moi naïf, que potencian tamén esa compoñente humorística que ten a obra, foron realizadas por unha das fillas de Nöstlinger, ao igual que as do resto da serie. Aquí aparecen algúns dos temas clásicos das obras de Nöstlinguer, como a incomprensión ou a importancia da amizade pero tamén cuestións de calado como a inmigración ou a visibilización de familias non tradicionais, basicamente de pais separados.

Hai varios motivos polos que ler a Nöstlinger. Un é a súa prosa sinxela, moi clara, pero tamén moi envolvemente: o lector quererá seguir para profundizar neses personaxes que se tornan imprescindibles e á vez, profundamente familiares. Outro é, sen dúbida, o tratamento do humor, e outro son precisamente os seus protagonistas: nenos e nenas reais, moitas veces imperfectos, ás máis das outras, politicamente incorrectos, pero sempre moi achegados ao lectorado. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí