CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Lemos dúas novelas de Narciso de Gabriel e Calros Solla

26/03/2019 - 10:52 h

Esta semana Armando Requeixo tráenos dúas novidades de temática e estilo ben diverso: Elisa e Marcela. Amigas e amantes, de Narciso de Gabriel, e mais A gran mortaldade, de Calros Solla.

A gran mortaldade (Edicións Morgante) é un libro de relatos do escritor e profesor pontevedrés Calros Solla coa que se estrea no eido da narrativa deficción. As dezasete historias que compoñen este libro xiran arredor da paisaxe e a paisanaxe do xenuíno territorio de Cerdedo e a Terra de Montes, que funciona como metonimia do conxunto de Galicia. Mesturando feitos e personaxes reais cunha imaxinación prodixiosa, Solla debuxa un mapa sociolóxico e identitario no que a evidencia do fracaso e a esperanza da resistencia son os ingredientes principais dun cóctel literario servido con grandes doses do máis ácido humor.

Elisa e Marcela. Amigas e amantes (Xerais) é a novelización dun ensaio previo do investigador e profesor da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel. Neste libro nárrasenos a fascinante historia de dúas mestras que nos primeiros do século pasado namoraron e chegaron a casar servíndose do subterfuxio dunha delas cambiar de identidade, adoptando publicamente o nome e avestimenta habitual de home. A estrataxema foi descuberta e fixo que tivesen que iniciar un longo éxodo fóra de España, que as levou primeiro a Portugal e logo ata Arxentina. Nesta obra relátase ese amor contracorrente, constituíndo, en palabras do prologuista do volume, Manuel Rivas: “A novela de Elisa e Marcela que non foi quen de escribir dona Emilia Pardo Bazán”, autora que no seu día se manifestara moi interesada nesta historia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí