CRTVG

Buscar

Diario Cultural

O Ourense Film Festival homenaxea, no seu 25 aniversario, ao seu fundador: Eloy Lozano

25/09/2020 - 10:30 h

Comeza tamén a XXV edición do Ourense Film Festival que se prolongará ata o 3 de outubro. A competición oficial de longametraxes do festival outorgará 5 galardóns: a Calpurnia á mellor película, premio Carlos Velo á mellor dirección, premio especial do xurado, premio ao mellor guión e á mellor interpretación. 

Amáis o festival concederá catro recoñecementos: o Premio do Público; Premio Xacobeo, que será outorgado por unha comisión formada por membros da Fundación Carlos Velo, Deputación de Ourense e Xunta á mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o festival; o Premio Especial “Eduardo Barreiros”, á mellor opera prima do cinema español estreada entre setembro de 2019 e setembro de 2020; e o Premio CIMA, concedido pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) á mellor directora da sección oficial.

O Ourense Film Festival rendirá homenaxe a dúas figuras senlleiras que deixaron pegada no festival. Ao realizador, guionista, produtor, editor e fotógrafo Eloy Lozano, director do festival na súa primeira edición, daquela como Festival de Cine Independente de Ourense, en 1996; coa proxección da súa película ‘As belas dormentes’ e a publicación dunha monografía da man do escritor e crítico de cine Eduardo Galán, ‘Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz’. 

Precisamente esa primeira edición de 1996 dirixida por Lozano, abriuse coa proxección de ‘La Moños’, producida por Adolfo Domínguez, que será premiado coa Calpurnia Especial 25 anos.