CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Nova Dramaturxia en Galicia

23/10/2019 - 10:47 h

Despois da súa representación coa compañía Cinema Sticado, o texto teatral de STRPTS EPISODIO 1: MIRLO & RULA publícase en Ediciones Invasoras, editora que xa leva publicados títulos de Julio Fernández Peláez, coautor do texto con Xosel Díez e responsable da propia empresa editorial, con sede en Vigo. No seu catálogo, podemos ler textos de creadores galegos como Pedro Fresneda ou Santiago Cortegoso, xunto con dramaturxias españolas contemporáneas (Alberto Conejero) ou internacionais (Peter Shaffer).

Esta pequena editora tamén impulsa, xunto a outros colectivos, a creación dramática contemporánea a través do Premio Internacional Dramaturxia Invasora e que xa vai pola súa terceira edición. Outra das modestas iniciativas, pero exemplar polo compromiso e a a forza xeradora desa acción é o Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual que convoca a nova compañía saída da ESAD, Feira do Leste, co apoio da Deputación de Pontevedra, e que nesta segunda edición abre o prazo de presentación de orixinais até o 15 de novembro. Na I edición do certame, a peza gañadora foi A enterradora (blog), de Miguel Sande. O proxecto ten cumprida información na súa web propia: http://novadramaturxia.feiradoleste.com