CRTVG

Buscar

Diario Cultural

A novelas de Raymond Chandler e Pierre Lamaitre xa están traducidas ao galego

23/04/2019 - 10:48 h

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas recentemente traducidas ao galego: O longo adeus, de Raymond Chandler, e mais Tres días e unha vida, de Pierre Lamaitre.

O longo adeus (Hugin e Munin) de Raymond Chandler publicouse por vez primeira nos EUA en 1953 e cos anos acabou por se converter nun clásico indiscutible da novela negra. A presente tradución, obra de Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar, recupera esta narración en que o mítico detective Philip Marlowe terá que, primeiro, axudar a fuxir do país ao seu amigo Terry Lennox e, tras aparecer morta a muller deste, tratar de aclarar as sospeitas de asasinato polas que é acusado e, máis tarde, descubrir que aconteceu co propio Lennox, quen acaba desaparecendo e, ao que parece, finalmente suicidándose. Esta liña argumental cruzarase con outra investigación en curso de Marlowe, a quen encargan localizar o escritor, tamén desaparecido, Roger Wade. Todo un nobelo de intrigas e supense que manterá en vilo o lector ata a derradeira páxina.

Tres días e unha vida (Rinoceronte) de Pierre Lemaitre apareceu publicada en francés hai tres anos e agora vese vertida ao galego por Moisés Barcia. O escritor parisiense, un dos mestres actuais da novela policial e negra, ofrece aquí un cativador thriller psicolóxico que nos leva a tres datas concretas da vida do mozo protagonista, Antoine Courtin, quen, de neno, nun tráxico suceso, rematou coa vida doutro pequeno, Rémi Desmedt. Os remorsos que corroen o protagonista, así como a vida oculta das xentes da apracible vila de Beauval constitúen a cerna desta novela que se desenvolve en tres momentos: 1999, 2011 e 2015. Un admirable exercicio literario que nos invita a repensar os conceptos de culpabilidade, medo, engano e hipocrisía dos que vivimos rodeados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí