CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Celebramos o Día da Poesía co festival Alguén que respira

21/03/2019 - 10:30 h

Este 21 de marzo celébrase o Día da Poesía co festival Alguén que respira en Santiago e na Coruña.

Galicia é unha potencia mundial en produción poética e así o demostra a tradución do último libro de poemas de Lupe Gómez, Camuflaxe, a linguas como o castelán, o inglés ou un francés.

Este festival é un encontro de máis de 50 creadores dende diferentes lugares, linguas e idades, que traballan de forma diversa e amplían o espazo do que entendemos por poeta. Ámbitos como a música e a interpretación, tradicionalmente non vinculados coa poesía, atopan aquí unha nova forma de expresión.

Neste espazo cultural falamos con Manuel Cortés e Serxio Iglesias, de Ronseltz. Nos anos 80 foron pioneiros nunha nova forma de entender este xénero. Un grupo de xente nova que empregou a poesía como ferramenta para cambiar a sociedade.

"Eramos un grupo de xente formado nas aulas e nos bares, con inquietudes literarias e que queriamos facer algo diferente", recordan na Radio Galega.

Fartos dos recitais propios da época, cheos de amor e de erotismo e lonxe da crítica e da ironía, comezaron a escribir poesía de escarnio e maldicir.

"É imposible que a poesía deixe de existir ou morra, sempre haberá locos que pensen que é o máis importante do mundo", contan os poetas nas nosas ondas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí