CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Dúas novelas de Philip Dick e Claire de Duras xa están traducidas ao galego

16/07/2019 - 10:52 h

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas traducidas recentemente ao galego: Soñan os androides con ovellas eléctricas?, de Philip K. Dick, e mais Ourika, de Claire de Duras.

Soñan os androides con ovellas eléctricas? (Faktoría K), publicado por Dick en 1968 e traducido agora ao galego por Fernando Moreiras, converteuse xa nun título clásico da ciencia ficción ou ficción científica. Esta distopía debuxa un mundo futuro onde os humanos e uns robots moi humanizados coñecidos polo nome de replicantes cruzan os seus destinos. O axente Rick Deckard recibe a encarga de eliminar algún destes sofisticados androides que se resisten a ficar ‘fóra de servizo’, o que abre un dilema moral: é xusto acabar cos humanoides polo simple feito de non naceren humanos? Son realmente menos humanos por ese feito? A novela foi adaptada ao cinema por Ridley Scott en 1982 nun filme tamén de culto, Blade Runner, que tivo no 2017 unha continuación, Blade Runner 2049.

Ourika (Vólvense os paxaros contra as escopetas) é unha novela breve traducida por Xavier Senín que deu a coñecer en 1823 Claire de Duras. Esta aristócrata francesa, fascinada pola crianza adoptiva dunha nena senegalesa por parte dunha familia amiga da alta sociedade parisiense, narra a súa vida adornándoa ficcionalmente. A obra tivo un grande éxito na súa época e constitúe un vívido retrato da sociedade europea daquela altura, sendo a primeira narración contada dende a óptica dunha muller africana, que ten que loitar para seguir adiante rodeada de prexuízos e falta de verdadeiro afecto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí