CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Libros para ser donas do propio futuro

14/06/2019 - 10:51 h

Os libros de hoxe están cinguidos por un fío ben finiño, o que define que nós podemos ser donas do propio destino.

O primeiro é Conta nove estrelas, de Andrea Maceiras, ilustrado por Paula Mayor en Xerais, premio Lazarillo de creación literaria -recoñecemento que é o máis antigo do estado español. Este libro lévanos a un universo descoñecido, a Galaxia Oma, onde viven a protagonista, Quepi, o seu irmán Udai e o seu avó. Quepi é unha nena diferente, polo seu cabelo azul, os seus ollos da mesma cor e a súa palidez e pola súa capacidade para conectar coa natureza. Por este motivo, o seu avó pídelle que nunca rache as tres normas inquebrantables: ser invisible, permanecer silenciosa e agardar a que se caia o segundo sol do planeta para poder ser vista. Mais un día, cando aparece un bobó, un animal cuxa saliva é corrosiva e fai desaparecer todo o que cae nela, a nena vese animada a seguilo, rompendo así as súas normas. Aí comeza xustamente a aventura e a aprendizaxe.

O segundo libro de hoxe é un álbum ilustrado: Unha historia, de Marianna Coppo, traducido por Xosé Ballesteros, para Kalandraka. Ten un argumento ben sinxelo: hai unha serie de personaxes que están a esperar por unha historia que non chega. Un deles rebélase e constrúe a súa propia historia, os outros tres quedan agardando a que esa historia chega. O álbum pode lerse como dúas historias paralelas que ocorren a un tempo, á da páxina esquerda, na que un coello rosa se afana en protagonizar a súa propia narrativa e a dos tres personaxes que esperan, paralizados. O álbum pode entenderse como unha homenaxe aagardar por Godot e resulta moi interesante para formar lectorado novo, xa que xoga coa ficción dentro da ficción.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí