CRTVG

Buscar

Diario Cultural

A compañía italiana Motus actúa no festival Escenas do Cambio

13/02/2019 - 10:53 h

Son escasas as oportunidades de acceder, nos escenarios galegos, aos espectáculos escénicos internacionais ou a aqueles, cando menos, que máis repercusión teñen en circuítos internacionais. A Santiago de Compostela chegou MDLSX, da compañía italiana Motus, un dos grupos máis premiados, innovadores e recoñecidos pola calidade das súas investigacións e creacións en todo o mundo.

O espectáculo que presentaron no marco do festival Escenas do Cambio é unha mestura de himno lisérxico e documentos autobiográficos poetizados pola selección musical, a suma dramática do movemento e da luz manipulada en escena pola propia actriz. Unha reflexión sobre a identidade sexual e a construción heteronormativa do concepto de xénero. Unha lembranza dura de momentos dolorosos no social, no familiar, no sanitario e unha alegación á liberdade, á capacidade de actuar por un mesmo nos momentos máis complicados da vida. Unha exposición lúdica e potente do significado do terceiro xénero ou do xénero neutro dende o propio corpo e a memoria da actriz que colide coa fabulación.

Un manifesto escénico, activismo teatral, un terreo magmático que converte o teatro en alegación mobilizadora a favor do respecto e da tolerancia pola diversidade. Espectáculo que activa e nos constrúe, onde a anécdota persoal se converte en relato artístico e social.