CRTVG

Buscar

Diario Cultural

'O párroco de Vejlby', de Steen Steensen Blicher, e 'Os secuestradores de burros', de Gerald Durrell

12/11/2019 - 10:39 h

Esta semana Armando Requeixo convídanos a coñecer dúas novelas curtas traducidas á nosa lingua: O párroco de Vejlby, de Steen Steensen Blicher, e mais Os secuestradores de burros, de Gerald Durrell.

O párroco de Vejlby (Hugin e Munin), traducido directamente dende o danés por Alejandro Tobar, é un relato pioneiro do que hoxe coñecemos como novela negra ou policial. Publicado en 1829, sérvese do famoso caso criminal protagonizado en 1625 polo sacerdote Søren Qvist quen, nun arrauto de ira, matou un fregués e quixo logo ocultalo, mais o irmán do falecido conseguiu que fose xulgado e, finalmente, declarado culpable e castigado coa decapitación. Contada a partir do diario do xuíz que levou o caso, Erik Sørensen, e mais o crego que o sucedeu na parroquia de Ålsø, a obra propón unha fonda reflexión sobre temas tan relevantes como a pena de morte, a relixión e mesmo o espírito e aplicación das leis.

Os secuestradores de burros (Sushi Books) é un moi ameno relato de aventuras protagonizado por un grupo de rapaces que viven nunha illa grega, tal como o propio Durrell fixo durante da súa puberdade. Amanda e David, líderes deste fato de mozos, deciden secuestrar o maior ben material desta pequena e pobre illa, os burros, único medio de transporte e principal forza de traballo agrario. O motivo é axudar un destes rapaces, Yani, quen, ao ficar orfo, ve como o ambicioso e insufrible alcalde local lle demanda unha débeda contraída por seu pai que é imposible de pagar, agás que se negocie cun troco tan valioso como o dos prezados équidos, dos que o propio rexedor é o principal propietario. A través deste entretido e colorista relato imos descubrindo a vida da illa e dos seus habitantes, ao tempo que a propia acción nos invita a reflexionar sobre cuestións como a amizade, a solidariedade, a afouteza, a cobiza, a desigualdade social, a superación persoal ou a defensa dos valores ecolóxicos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí