CRTVG

Buscar

Diario Cultural

'O señor dos aneis', traducido ao galego por Moisés Barcia

11/12/2018 - 10:47 h

Esta semana Armando Requeixo achéganos as novidades da narrativa traducida ao galego con dúas propostas rebordantes de intriga e a aventura: O señor dos aneis, de J. R. R. Tolkien, e mais Unha historia detectivesca de dobre canón, de Mark Twain.

O señor dos aneis é unha das obras máis lidas e influentes da literatura universal. Publicada en tres entregas entre 1954 e 1955, a triloxía de Tolkien constitúe un dos mundos de ficción máis abraiantes e orixinais creados nunca, o que fai que por moitos fose considerada unha auténtica biblia da fantasía, pois as súas páxinas son, a un tempo, unha completa cosmogonía, unha fascinante mitoloxía e todo un tratado antropolóxico, que mesmo incorpora linguaxes propias e un imaxinario sociohistórico de personalísimo selo. A trama recrea a loita eterna entre o ben e o mal e pode lerse agora en galego mercé ao esforzo tradutor de Moisés Barcia, quen revisou e actualizou para Sushi Books un traballo seu anterior avanzado en Xerais.

Unha historia detectivesca de dobre canón é un dos títulos máis divertidos e orixinais de Mark Twain, o narrador estadounidense por excelencia da segunda metade do XIX. Publicada por primeira vez en 1902, o relato é unha parodia das tramas detectivescas, pois o seu protagonista é nada máis e nada menos que o celebérrimo Sherlock Holmes, creado polo escocés Arthur Conan Doyle, quen aquí ten que enfrontarse á resolución dun enigmático caso na California da febre de ouro. Holmes parece dar coa solución ao misterio, pero nunha reviravolta inesperada descóbrese que toda a lóxica do infalible sabuxo erra estrepitosamente e o caso acaba sendo desvelado por quen menos se espera. Tan benhumorada historia foi vertida ao galego por Antía Veres Gesto e publicouse baixo o selo de Faktoría K.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí