CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Camiño Escena Norte tece unha ponte cultural a través das rutas xacobeas

11/09/2020 - 10:30 h

Camiño Escena Norte está de volta para unha segunda edición que pretende consolidar unha iniciativa pioneira de intercambio cultural e escénico entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi

O proxecto bota a andar o vindeiro 13 de setembro en Compostela para rematar tamén alí o 11 de outubro, con 8 funcións e 6 espectáculos chegados doutras autonomías. 

A compañía vasca Kulanka Teatro será a encargada de abrir a programación en Galicia coa obra "Quitamiedos", de Iñaki Ricarte. 

E namentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións nestes territorios: La Macana con "Pink Unicorns" e La Quintana Teatro con "Desde lo invisible".

Amais, do 15 ao 17 de setembro no Centro cultural Vello Cárcere de Lugo, haberá un encontro profesional: "Habitación Peregrina PRO". Unha actividade que busca crear un novo corredor cultural artellado por medio deste novo territorio compartido, pretendendo fomentar a interrelación e as sinerxias entre compañías deste sector. 

Alén, Camiño Escena Norte achega actividades paralelas co nome de "O Camiño Expandido", que inclúe unha exposición titulada "Ultreia. Que foi Camiño Escena Norte 2019?" do 14 ao 30 de setembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, e tamén encontros online coas compañías participantes, para profesionais e abertos ao público.

Toda a información está dispoñible na páxina web deste proxecto: escenanorte.com