CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Estreas a esgalla, pero poucas oportunidades para o público

11/03/2020 - 10:51 h

 

O noso teatro conta con numerosas estreas ao longo de todo o ano. Apuradas polos prazos administrativos nas xustificacións de axudas e pola perversidade do sistema, que procura a novidade e a escasa estabilidade e asentamento de proxectos e polo tanto de dinámicas de calidade na creación, as compañías vense obrigadas a unha presión por facer algo novo cando o anterior non foi nin distrubuído por unha parte considerable de concellos de toda Galicia nin ás veces cos tempos suficientes para chegar á estrea con bo ritmo e a peza ben afinada.
Quizais isto é o que vexamos estes días con estreas en moitos teatros. Dentro das varias coproducións do CDG que se dan estas semanas (na meirande parte proxectos que quedaron fóra das subvencións da AGADIC) atopamos a versión de Os nenos da varíola para as táboas. Un espectáculo que adapta a historia da novela de María Solar sobre a expedición filantrópica dos nenos dos hospicios da Coruña que levaron a vacina da varíola a América. Sen poñer o foco en ningún aspecto concreto, a peza presentouse como unha recreación dese ambiente histórico sen apostar por un estilo claramente definido e cun fleble afianzamento do texto por parte do elenco.
Por outro lado, a Sala Ingrávida presentou unha peza de teatro documento a partir dun suceso que lle ocorreu á propia directora hai un ano, nos actos do 8-M no Porriño, onde declarou que máis do 50% dos homes dese municipio colaboran co sistema prostitucional local. Estas declaracións espertaron comentarios ofensivos nas redes, terxiversacións e maledicencias nos medios de comunicación e foron o impulso para crear Putero, radiografía dun pobo, que botando man de recursos do teatro documento (fotografías, vídeos, noticias reais, participación do público, etc.) permitiron estrear un espectáculo que aínda precisa de afinación do material técnico e da teatralidade de moitos elementos para axudar a crear ese debate san e necesario arredor de calquera tema que semelle espertar sensibilidades (de índole moral, económica e social) ás que o teatro pode contrubuír para espertar reflexión respectuosa, visibilización e xogo (pois malia o rigor, o teatro non é nin socioloxía, nin política, nin economía, nin relixión...). O teatro é xogo e tamén provocación, como xeito de sermos unha sociedade mellor.