CRTVG

Buscar

Diario Cultural

'O veo alzado' e 'As aventuras de Mikołaj Doświadczyński', as recomendacións de Armando Requeixo

10/09/2019 - 10:48 h

Esta semana, Armando Requeixo proponnos a lectura de dúas novelas que son obras clásicas nas súas respectivas literaturas e que agora podemos gozar xa na nosa lingua: O veo alzado, de George Eliot, e As aventuras de Mikołaj Doświadczyński, de Ignacy Krasicki.

O veo alzado (Hugin e Munin) é unha fascinante historia de terror psicolóxico publicada por primeira vez en 1859 que foi traslada dende o inglés ao galego por Alejandro Tobar. O relato chega a nós na voz do seu protagonista, o melancólico Latimer, un mozo que ten o don de ler o pensamento e tamén da premonición, poderes que, lonxe de resultarlle de proveito, non lle traen máis que pesar e dor, sobre todo coa súa namorada, Bertha, pois ao ler na súa mente sabe que en realidade non o ama e vai descubrindo nela un ser mesquiño e cruel. Así pois, nesta novela curta a presenza do sobrenatural e das paixóns destrutivas constitúen a cerna dunha narración que abala entre o gótico, o romántico e o fantástico.

As aventuras de Mikołaj Doświadczyński (Rinoceronte), vertida ao galego por Lúa García Sánchez dende o orixinal polaco no que aparecera en 1776, é o relato das peripecias do personaxe protagonista que figura no título, un mozo de familia nobre que viaxa por medio mundo e que, nas súas palabras, acaba sendo "un cortesán en Varsovia, un galán en París, un labrego en Nipu, un escravo en Potosí e un tolo en Sevilla". Ideada como unha novela de aprendizaxe, esta narración en forma de memorias autobiográficas ten unha clara finalidade pedagóxica: ensinar á xente nova as escollas axeitadas para a vida, seguindo sempre os ideais ilustrados que o protagonista abraza ao final da súa andaina, ao tempo que convida á reflexión crítica sobre o goberno dos Estados introducindo na trama a ficticia illa de Nipu como modelo de utopía política que contrasta coas sociedades europeas do seu tempo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí