CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Rosario Sarmiento achéganos a mostra 'Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos'

10/02/2020 - 17:45 h

O obxectivo desta exposición, que serve para iniciar no museo MARCO de Vigo a programación do 2020, é ofrecer unha nova ollada sobre a obra dun dos pintores chave na historia da arte galega: Manuel Colmeiro.

A mostra está deseñada polo seu comisario, o historiador e crítico Carlos Bernardez, como unha lectura, que traza varios eixos espazo-temporais e repasa a traxectoria de Colmeiro dende os inicios da súa formación arxentina até o seu regreso definitivo a Galicia, a través das cinco seccións en que se estrutura a mostra.

Neste amplo percorrido, incídese na súa relación cos espazos artísticos onde desenvolveu a súa obra —Bos Aires, París, Galicia— e sublíñase a súa contribución decisiva á formación do Movemento Renovador da Arte Galega, presentando as súas obras xunto as doutros artistas galegos —Maside, Souto, Torres, Laxeiro, Virxilio Blanco— e exemplos doutros contextos da modernidade internacional, nomeadamente arxentina.

Tanto Colmeiro como o conxunto dos integrantes de Os Novos adoptan a ideoloxía da vangarda en Galicia, antes da guerra, cunha vontade de facer que a creación plástica se orientase en duas direccións de identidade e de modernidade para reflectir a esencia do galego sen deixar de ser modernos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí