CRTVG

Buscar

Diario Cultural

'O inimigo coñece o sistema' e 'Fascismo eterno', de Umberto Eco

07/01/2020 - 10:46 h

Armando Requeixo comeza as recomendacións lectoras para este 2020 que acabamos de estrear falándonos da tradución de dous interesantes ensaios: O inimigo coñece o sistema, de Marta Peirano, e mais Fascismo eterno, de Umberto Eco.

O inimigo coñece o sistema (Faktoría K) foi traducido dende o castelán orixinal á nosa lingua por Antía Veres Gesto. Volume moi documentado e de absoluta actualidade, nel Marta Peirano aborda a análise da Rede como un implacable mecanismo de vixilancia e manipulación ao servizo dunha plutocracia amoral, en moitas ocasións aliada con réximes neoliberalistas feroces, altamente militarizados, cando non directamente autoritarios e/ou imperalistas. Como usuarias e usuarios da Rede non somos abondo conscientes desta manipulación, de como se crea en nós unha enfermiza adicción a Internet e de ata que punto a nosa privacidade está exposta e vendida ao mellor comprador para que se negocie coa nosa información persoal no inmenso templo de mercadores no que se ten convertido a Rede.

Fascismo eterno (Embora) é a tradución dunha conferencia pronunciada por Umberto Eco en 1995 que aparece en galego da man de Benedict Buono e María Esther Martínez Eiras. Neste ensaio breve o filósofo e novelista italiano, un dos grandes intelectuais do noso tempo, caracteriza o que el denomina ur-fascismo ou fascismo eterno como unha ideoloxía fuzzy, abondo sincrética e ecléctica, que, porén, ten uns baseamentos recoñecibles que converxen puntualmente con outras ideoloxías totalitarias, despóticas e fanáticas como o falanxismo ou o nazismo, pero que non son sinónimas perfectas. Para precisar o sentido do ur-fascismo ou fascismo eterno Eco proporciona catorce trazos característicos que o definen e advirte de que o actual momento da política internacional non está libre de volver caer nel.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí