CRTVG

Buscar

Celta-Raio e Lugo-Dépor, na Radio Galega

Remata a Liga de Primeira División e a Radio Galega ten preparado un amplo despregamento para o Celta-Raio Vallecano, en que o equipo vigués deberá certificar a permanencia. Agás unha derrota por goleada e un triunfo tamén por goleada do Xirona en Vitoria ante o Alavés, o conxunto vigués continuará unha temporada máis na elite.

O Celta-Raio será o encontro destacado do bado no Galicia en goles desde as tres da tarde, xunto ao Andorra-Breogán da Liga ACB, en que o cadro que prepara Tito Díaz apura as súas últimas opcións de permanencia. Tamén haberá derbi de balonmán no Gatañal, onde o Cangas buscará a vitoria da salvación na Asobal ante o veciño Teucro, que de perder caería á división de prata.

bado é o día tamén de Convivir deportivo ás doce do mediodía, cun programa monográfico dedicado ao tiro olímpico desde o campo Eiroas de Ourense. Pola noite, Gas a fondo analizará cos protagonistas o rally Rías Baixas e ás once e media Toni López García abrirá os micrófonos aos galegos olímpicos nunha nova edición de Galicia en Toquio.

domingo, desde as doce, tres son as citas da xornada matinal. Desde Arguineguín, a Radio Galega retransmitirá o partido definitivo de ascenso á Superliga de fútbol feminino entre o Femarguín e o Deportivo da Coruña. En Madrid, a emoción estará na permanencia na Liga ACB co encontro Estudiantes-Obradoiro. E desde Vigo tamén terá protagonismo o fútbol xuvenil, co Celta-Numancia da Copa do Rei.

A partir das tres menos cuarto da tarde, a sesión de tarde de Galicia en goles estará centrada no derbi do Anxo Carro entre o Lugo e o Deportivo da Coruña, xunto ao remate da competición regular  nas ligas de segunda B e terceira. O Arzúa-Sarriana de preferente, en que o equipo local pode ascender por primeira vez á terceira, completa a oferta futbolística dun domingo que tamén terá presenza no baloncesto co Marín-Villarrobledo, na ida da final de ascenso á LEB Ouro.

Desde as once da noite, xornalistas especializados debaterán sobre os resultados dos equipos galegos no programa Ao contraataque, que tamén se pode ver a través da web radiogalega.gal no streaming de Mira RG.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí