Destacados
Cataluña, Torra e folga xeral
De onte a hoxe pasaron varias cousas. Pasou que Torra falou no Parlamento e conseguiu o máis difícil: que ninguén estivese de acordo co que dixo. E ao dicir ninguén, digo que ningún grupo o apoiou. Pasou que continuaron as que lle chaman "marchas pola liberdade", que hoxe chegarán, se non chegaron xa, a Barcelona. E pasou que houbo outra noite de barricadas que, se non foi unha noite tráxica, foi porque os Mossos d’Esquadra impediron o enfrontamento violento entre radicais fachas e radicais secesionistas, aínda que non sei cal deles merece máis o cualificativo de fachas. E agora estamos á espera do día D, o día grande, o día en que se quere paralizar Barcelona e Cataluña cunha folga xeral, á que lle chaman "paro de país", e que é perfectamente ilegal, porque é unha folga política. O paro na Seat, impulsado pola empresa, vai ser o acontecemento máis transcendente. O resto será cuestión de orde pública, como é habitual.
Pero, politicamente, a meirade novidade foi que Torra falou e anunciou que antes do final da lexislatura vai facer un referendo novo para "validar a independencia". Naturalmente, tratarase dun referendo ilegal, para seguir coa tradición. E o pintoresco é que o señor Torra se debeu inspirar no Espírito Santo en forma de pomba que se puxo no lombo de Puigdemont, que utiliza a Torra dende Waterloo coa seguridade de que, estando alí, a el non lle pasará nada. Falo da inspiración do Espírito Santo, porque o Honorable President non informou o seu proprio goberno, nin a Esquerra Republicana, que é o partido que o sostén, nin sequera a CUP, que é o partido máis radicalmente independentista. Aos partidos constitucionalistas simplemente os desprezou. E claro, a maioría terminou pedíndolle a dimisión.
Así que o cadro de Torra representa moi ben o que hoxe escribe o director de La Vanguardia: que en Cataluña sobran bombeiros pirómanos e faltan estadistas audaces. O bombeiro pirómano máis claro é Torra. O seu propio vicepresidente acusouno de deslealdade ao goberno que preside, o cal xa é o súmmum dos despropósitos. A miña dúbida é por que non lle presentan unha moción de censura, e só encontro dúas explicacións: unha, que fai falta un candidato, e cando se trata diso non é seguro que teña maioría abonda; e a segunda, que a Esquerra Republicana non lle vén mal que Torra siga aí. Mentres siga, o PdeCAT seguirá baixando en intención de voto, e Esquerra seguirá subindo. Torra é un choio para os republicanos.
E así van indo, Valiñas. O importante agora é que neste día de folga xeral non haxa nada que lamentar.