CRTVG

Buscar

Destacados

Cataluña, terceira noite de violencia

17/10/2019 - 07:41 h

Hai dúas formas de comentar as reunións de Sánchez na Moncloa: a da dereita mediática, que presenta a Sánchez como o home pusilánime que renuncia á autoridade, e a que fai louvanzas da súa moderación. Ben, o certo é que o presidente puido contrastar a opinión dos tres principais partidos do actual Parlamento, e hoxe podemos saber todos o seguinte: que Casado saíu da Moncloa, segundo dixo, máis preocupado do que entrou, porque non atopou eco ás demandas de dureza, que se concretan na aplicación da Lei de Seguridade Nacional e non descarta o 155; que Rivera non foi tan negativo, pero pensa que hai que cesar xa a Torra, o cal supoño que só se pode facer co 155. E Iglesias di que non se pode descartar ningunha medida, pero el está polo diálogo. Xuntado todo, non se pode dicir que das reunións que ocuparon todo o día do presidente en función saíse nada que se pareza a un acordo. E despois, cando Sánchez falou ás nove da noite, quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade e fixo o sermón das tres palabras: firmeza, unidade e moderación.

Como comentario persoal, digo: que canto dixo o presidente era válido á hora en que falou. Aínda non se produciran, que saibamos, os incidentes da noite, coa queima de coches na rúa e lanzamento de ácido aos Mossos d’Esquadra. Foron tan graves, que Torra, que viña de cortar unha estrada con dous bemoles, tivo que saír a pedir que se detivese esa violencia. Pasou nunhas horas de incendiar o monte a coller a mangueira de bombeiro. Antes de ver os coches queimados, eu estaba en aplaudir unha das tres palabras do sermón: moderación. Despois de ver a extrema violencia, xa non estou seguro: ao mellor hai que agarrarse máis á palabra firmeza. O que estamos a observar é que o grao de violencia vai subindo máis cada noite. A guerrilla urbana é cada noite máis dura. E, polo tanto, hai que endurecer tamén a resposta da autoridade.

O que non estou seguro, Valiñas, é que a mellor saída sexa adoptar medidas excepcionais, como a Lei de Seguridad Nacional, o 155 ou o estado de excepción, que recursos ten moitos o Estado, pero hai que saber escollelos. Penso que nun estado de excitación coma o que se creou, ante case que profesionais da 'kale borroka', hai que medir moito os pasos que se poden dar. Un exceso de autoridade pode prolongar máis o estado de rebeldía no que se está. Quedar curto pode ser un síntoma de debilidade. De momento, eu reforzaría aínda máis os Corpos de Seguridade do Estado, Policía e Garda Civil e deixaría os recursos excepcionais para o momento en que se vexa que hai unha clara insurrección.

Cortes dos diferentes programas da RG