CRTVG

Buscar

Ao Contraataque

Esta semana volve "Ao Contraataque" ao seu horario habitual das once da noite

21/05/2020 - 22:00 h

A medida que se achega a volta da Liga de fútbol, a programación deportiva da Radio Galega vai recuperando a normalidade. Se hai dúas semanas, 'Zona Mixta' regresaba á emisión convencional das 15:00 horas, agora é 'Ao Contraataque' o espazo que normaliza a súa emisión no horario habitual das 23:00 h.

'Ao Contraataque' é o programa deportivo nocturno da Radio Galega desde setembro do 2018, que se emite de domingo a xoves. Nos últimos dous meses, a raíz do estado de alarma, adiantou a súa emisión ás 21:00 horas. Desde este luns, Pedro Pablo Alonso achegará toda a información do noso deporte desde as 23:00 h, acompañado polo equipo de analistas que cada día debaten sobre a actualidade. Así e todo, os oíntes que non teñan ocasión de sintonizar a emisión en directo teñen minutos despois da medianoite o podcast a súa disposición, na web radiogalega.gal e a través da conta de Twitter @aocontraataque.

Outra das novidades dos próximos días é a ampliación do 'Galicia en Goles' na noite do venres. O programa mantén o horario de comezo nas 21:00 horas, pero a partir do día 29 de maio rematará ás 23:59 h, prolongará 60 minutos a súa duración. 

Na fin de semana, durante o estado de alarma, a emisión continúa en formato reducido durante as tardes. Desde o sábado 6 de xuño, o programa que dirixe Xoán Galán recuperará a súa estrutura habitual desde as 15:00 horas.

A previsión da Liga de Fútbol Profesional é que a competición volva o venres 19 de xuño e que as once xornadas que restan se disputen no prazo de 35 días. A Radio Galega retransmitirá todos os partidos do Celta, na Primeira, e do Deportivo e Lugo, na Segunda División, e a audiencia poderá seguir os encontros a través da FM, TDT, na web e tamén en aplicacións como Radioplayer España.

 

A actualidade deportiva con Pedro Pablo Alonso.