CRTVG

Buscar

A Tarde

'Galicia en goles', de venres a luns, na Radio Galega. Catro días vai durar a próxima xornada deportiva.

20/05/2021 - 17:17 h

Catro días vai durar a próxima xornada deportiva

O venres, desde as oito menos cinco da tarde, os afeccionados ao baloncesto teñen unha cita a través de radiogalega.gal co primeiro partido dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Básquet Coruña e o Oviedo. A partir das oito e media, a emisión tamén será simultánea a través da FM.

O sábado, ás 3, o 'Galicia en goles' contará a última xornada da Liga de Primeira con atención especial ao Celta-Betis, co regreso do público a Balaídos para celebrar o oitavo posto do equipo na clasificación. Ademais, o programa estará no Breogán-Palma, de ascenso á ACB, e no decisivo Cangas-Guadalaxara pola permanencia na Liga Asobal de balonmán.

Xa o domingo, a edición matinal comeza ás doce menos cuarto co final de Liga na Segunda División B. O Pontevedra necesita un empate ante o Oviedo B en Pasarón para evitar o descenso á Terceira RFEF, mentres o Coruxo pecha o curso no Vao ante o Covadonga tras asegurar o domingo pasado unha praza na nova Segunda RFEF. Durante a mañá tamén será protagonista o Sporting Huelva-Deportivo da Coruña, outra final para o equipo herculino que segue con opcións de permanecer na Primeira feminina.

A sesión de tarde, desde as 3, retransmitirá o peche da segunda fase na Terceira entre os equipos que optan ao ascenso, con dous partidos chave: Arousa-Somozas e Alondras-Polvorín. Ademais, continúa a liga pola permanencia, con atención especial ao Fisterra-Barco e Viveiro-U. D. Ourense. No último treito, o 'Galicia en goles' contará o Burgos-Obradoiro, encontro co que remata a temporada na ACB de baloncesto.

Esta xornada prolongarase ata o luns, xa que a Liga fixou horario unificado para a penúltima xornada na Segunda División. Desde as oito e media, a Radio Galega despregará un amplo dispositivo no Lugo-Cartagena, ademais de informar dos partidos que afectan o equipo galego no obxectivo de acadar a permanencia.

Durante a fin de semana, a audiencia da Radio Galega disporá doutros espazos de temática deportiva. O sábado, á 1 do mediodía, 'Convivir deportivo' visita Nigrán para poñer en valor o xogo da petanca. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez actualiza a información do motor no 'Gas a fondo'. E ás once e media, Toni López continúa no 'Galicia en Toquio' poñendo en valor o traballo dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos. Por último, a última hora do domingo, ás 11 da noite, está centrada na mesa de debate de 'Ao contraataque' para analizar os resultados da fin de semana.

Revista de información e entretemento