CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

O 'Galicia en goles' retransmite o final de Liga na Terceira de fútbol e no baloncesto

18/06/2021 - 18:26 h

Esta fin de semana asistimos ao remate de varias competicións deportivas. A Radio Galega ten preparado un amplo despregamento para contar todo o que suceda no programa 'Galicia en goles'.

O sábado, desde as 3 da tarde, a atención da xornada pasará pola Eurocopa, co España-Polonia, e co fútbol sala feminino, xa que o Amarelle A Coruña xoga a un partido en Elche a permanencia na Primeira División. A Terceira de fútbol será protagonista con dous encontros adiantados en Fisterra e Viveiro.

O domingo, desde as 12, o programa atenderá ao fútbol de ascenso á Segunda feminina no Betis B-Victoria da Coruña e ao desenlace dos cuartos de final da Copa de Campións xuvenil na eliminatoria Las Palmas-Deportivo. Desde as 3, o interese estará no fútbol de ascenso á Segunda RFEF coa final entre o Arousa e o Somozas. Ademais, en dous campos xogarase a permanencia na Terceira: no Viso, Arzúa-Barco, e no Poboado, As Pontes-Unión Deportiva Ourense. A partir das 7, o baloncesto tomará o mando co encontro de desempate polo ascenso á ACB entre o Granada e o Breogán de Lugo.

Na fin de semana, a Radio Galega ofrece outros espazos de temática deportiva. O sábado, á unha do mediodía, 'Convivir deportivo' visita o concello de Rubiá, onde destacan a espeleoloxía e o montañismo. O programa celebra estes días a súa proclamación como candidato aos premios Celtic Media na categoría de radio documental. Ao remate do día, 'Gas a fondo' informará desde as 11 da noite do sucedido no rally de Pontevedra, mentres ás once e media 'Galicia en Toquio' actualizará a crónica dos atletas olímpicos que preparan os próximos Xogos.

O domingo rematará tamén con deporte e 'Ao contraataque' ofrecerá ás 11 da noite a última mesa de debate da temporada, coa presenza dos xornalistas especializados nos equipos galegos de elite.