CRTVG

Buscar


O Galicia en Goles desta fin de semana reúne xa a todas as categorías importantes do fútbol. A segunda xornada da Liga de Fútbol Profesional coincide co comezo da competición na Segunda B, na Terceira e na Preferente Galicia.

bado, o programa que dirixe Xoán Galán comeza ás dúas e cuarto da tarde. As citas estrela do día son o Celta-Valencia, desde Balaídos, e o Oviedo-Lugo, desde o Carlos Tartiére. Na Segunda B, a primeira cita da temporada é o derbi de Pasarón entre o Pontevedra e o Coruxo.
Ademais hai dous encontros na Terceira, Alondras-Compostela e Vilalbés-As Pontes. O fútbol feminino tamén terá protagonismo co torneo que se disputa en Portonovo.

domingo, a emisión deportiva principia ás once da mañá ata as tres da tarde. Desde esa hora a atención estará posta no Inter Boadilla-Celta B e no San Sebastián de los Reyes-Racing de Ferrol, de Segunda B. A oferta matinal inclúe dous partidos da Preferente Galicia, un por grupo: Arteixo-Noia e Pontevedra B-Cambados. 

Desde as tres, o partido da xornada entre o Huesca e o Deportivo será un dos argumentos principais, xunto ao seguimento á liga de Terceira: Somozas-Silva, Arenteiro-Barco, Paiosaco-UD Ourense, Arzúa-Estradense, Ourense CF-Bergantiños, Choco-Fabril, Arousa-Polvorín e Pontellas-Bouzas. O torneo de fútbol base de Ponteareas será outro dos puntos de directo do programa.

A partir das once da noite, o deporte continúa na Radio Galega coa mesa de debate de Ao Contraataque. Pedro Pablo Alonso debatirá sobre a xornada cos especialistas Javi Torres, Peli Cantoná, Marcos Basadre, Víctor López e Tomás Alonso.

Tanto Galicia en Goles como Ao Contraataque remataron a temporada pasada sendo líderes de audiencia nas súas respectivas faixas horarias do domingo.

Toda a programación deportiva poden seguila os oíntes a través da FM, TDT, a web radiogalega.gal e a aplicación para o móvil. Ademais, na retransmisión por televisión dos partidos do Celta, a canle propietaria dos dereitos reserva un audio para escoitar o Galicia en Goles. O número asignado sairá na pantalla xusto ao comezo do encontro.