CRTVG

Buscar

Santiago, 12.05.2022.-    

A CRTVG desenvolverá unha cobertura global sobre a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, e ofrecerá contidos especiais en todas as canles.

Na Radio Galega, o 'Galicia por diante' do día 17 será monográfico desde Córgomo, a vila natal de Delgado Gurriarán, e pola tarde emitirase, de 19.00 a 20.00 h, o programa especial 'A viaxe de Florencio Delgado Gurriarán', realizado por Belén Regueira, que analizará a súa vida e obra. Ademais, ao longo da semana das Letras Galegas, a emisora pública contará con entrevistas en profundidade arredor do escritor con especialistas, editores e persoas que o trataron, así como coa emisión de fragmentos de voz do autor, recuperados do Arquivo Sonoro da RG, e de poemas seus na voz de locutores/as da RG.

Así mesmo, a Radio Galega estreará o podcast 'Florencio: o poeta de Valdeorras', realizado por Lucía Junquera e Silvia López; colaborará no IV Concurso de Podcast Radio na Biblio, emitindo o 17 de maio e os días posteriores os oito podcasts gañadores, e a web diariocultural.gal contará cunha páxina específica das Letras Galegas que acubillará entrevistas, reportaxes e programas monográficos.

No eido dixital, a web da CRTVG dedicaralle unha páxina ao autor e tamén lle dará difusión á webserie 'Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda'. E as redes sociais corporativas e dos distintos espazos difundirán todos os contidos de televisión e radio, así como pezas de produción propia adaptadas á linguaxe nas redes. No eido da Responsabilidade Social Corporativa dos medios públicos, produciranse unhas cortinas divulgativas para a súa emisión na TVG e porase en marcha unha web específica para recompilar as emisións nas distintas canles e das accións nas redes sociais.