CRTVG

Buscar

A Radio Galega emitirá no Día das Letras os traballos premiados no I Concurso de Podcasts para centros educativos

A Radio Galega emitirá o Día das Letras Galegas os podcasts dos oito centros premiados no I Concurso de Podcasts. Recibíronse un total de 107 traballos procedentes de 64 centros educativos. Trátase dun concurso convocado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para os centros educativos públicos que participan no programa Radio na Biblio ou que contan con emisora de radio escolar. 

Os podcast premiados serán emitidos pola Radio Galega, ademais de ser difundidos a través da súa web e da canle dixital do Diario cultural. Tamén se emitirán entrevistas cos gañadores na programación especial da emisora co gallo do Día das Letras Galegas.

Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación de 1.000 euros para melloras no equipamento e infraestrutura do laboratorio/emisora de radio, que deberá quedar vinculado á biblioteca.

O certame, organizado en colaboración coa Radio Galega, ten como obxectivo estimular o coñecemento e difusión do patrimonio cultural galego. Por iso, e dado que o Día das Letras Galegas deste ano homenaxea a Antón Fraguas, estudoso da cultura galega, a temática dos podcast debía ser o patrimonio material ou inmaterial de Galicia, buscando un vínculo coa contorna de cada centro educativo participante.

Así mesmo, preténdese afondar no traballo que desde as bibliotecas escolares se está afacer arredor da radio. Trátase de converter estes espazos en laboratorios creativos de aprendizaxe, xa que son unha ferramenta de gran potencial pedagóxico no reforzo das prácticas comunicativas do alumnado e da súa motivación para participar en proxectos colaborativos en que se traballan distintas habilidades e competencias.

Os oito podcast premiados son os seguintes (con link a diariocultural.gal):

- O Mazarico, do CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos) - Modalidade I

- A xanela cultural, do CEIP de Vilar de Barrio (Vilar de Barrio) - Modalidade II

- Alto dos Xenerais, do CEIP Ramón de Valenzuela (Silleda) - Modalidade II

- A lenda de Florentina, do CEIP de Carballedo (Cerdedo-Cotobade) - Modalidade I

- As Lavandeiras, do IES Punta Candieira (Cedeira) - Modalidade IV

- Os Cabaqueiros, do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) - Modalidade III

- Polo río abaixo hai, do IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas) - Modalidade III

- Os Xenerais, do CPI de Vedra (Vedra) - Modalidade III

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí