CRTVG

Buscar

Os profesionais da emisora pública desprázanse desde este xoves á illa da Toxa para relatar o desenvolvemento do foro económico e político máis relevante nesta data a nivel nacional, o Foro A Toxa - Vínculo Atlántico.

Desde as 20:00, Celia Rúa liderará un especial informativo que contará con algúns dos principais protagonistas da cita. Entre eles, pasarán polos micrófonos da Radio Galega Josep Piqué, ex-ministro e actual presidente do Foro; Miriam González, avogada especialista en Dereito comunitario; Emilio Lamo de Espinosa, presidente do Real Instituto Elcano; Sara de la Rica, directora da Fundación Iseak, e Antón Costas, catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona. No programa participarán tamén os analistas habituais de A Crónica e os seus columnistas diarios.

O venres desprazarase tamén á illa da Toxa o equipo do Galicia por diante, capitaneado polo xornalista Xosé Valiñas. O especial informativo emitirase desde ás 7:00 da mañá e contará con destacadas figuras do panorama político e económico como Alejandro Álvaro González, ex-secretario xeral adxunto da OTAN; José Ignacio Torreblanca, director da Oficina en Madrid e investigador principal do European Council on Foreign Relations; Íñigo Fernández de Mesa, presidente do Instituto de Estudos Económicos, e Carmen Martínez de Castro, xornalista e directora do Foro.

A Radio Galega trasladará desde A Toxa, desde o xoves ata o sábado, as claves informativas deste primeiro Foro A Toxa – Vínculo Atlántico, a gran cita de outono no eido político e económico nacional.