CRTVG

Buscar

A Entrevista

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta

28/08/2016 - 14:07 h

O presidente da Xunta explicou que os datos de Facenda acreditan que a nosa comunidade pechará 2016 cun crecemento do 3 por cento, medio punto máis do previsto inicialmente, e cunha taxa de paro do 17 por cento, un 1% menos do que se calculara a comezos do exercicio.

Alberto Núñez Feijóo afirma que "a economía galega está no mellor momento dende o punto de vista macroeconómico dende o ano 2008".

Feijóo fai un chamamento ao PSOE para desbloquear a investidura de Rajoy e advirte de que "os políticos non estamos para dicir 'non é non', estamos para dicir 'si é si'. Neste momento é unha irresponsabilidade histórica bloquear o goberno"

De cara ás eleccións autonómicas galegas, Núñez Feijóo presenta o PP como o partido que garante a estabilidade e avisa que "sería unha pena que Galicia se meta nunha gran lea, a lea dos multipartidos coas leas internas desa lea multipartita".

O presidente da Xunta explicou nunha entrevista este domingo na Radio Galega que se están superando as previsións de crecemento de Galicia que se estaban manexando para este ano:

A previsión que tiñamos inicialmente era un crecemento do 2,5 por cento e a consellería de Facenda xa me notificou que a previsión de crecemento que temos para este ano vai ser do 3 por cento. Polo tanto, se esta previsión se confirma, e todo parece indicar dado que estamos en agosto que isto se vai confirmar, quero dicir que co crecemento ao 3,2 por cento o ano pasado e ao 3 por cento neste ano a economía galega está no mellor momento dende o punto de vista macroeconómico dende o ano 2008

Neste senso, tamén revisou a previsión de paro coa que Galicia vai pechar o exercicio:

A taxa de paro de Galicia estaba prevista finalizar o ano na contorna do 18, 18,3, pois estará un punto por debaixo da previsión que tiñamos e as previsións de paro para 2017 é que o paro vaia seguir reducíndose na comunidade autónoma

Alberto Núñez Feijóo tamén se referiu na entrevista na Radio Galega á situación de bloqueo da política nacional na antesala do pleno de investidura que se desenvolverá esta próxima semana.

O líder dos populares galegos apelou a Pedro Sánchez a "que se de conta de que todos os que gobernaron España dende o Partido Socialista, todos os que tiveron responsabilidade en España como ministros ou como ex-presidentes do Goberno socialistas, todos están a favor de que se deixe gobernar o partido que gañou as eleccións dúas veces e con máis claridade incluso a segunda que a primeira. Polo tanto, o que esperamos é esa responsabilidade e eu invito a facer esa reflexión. Os políticos estamos para resolver problemas, non para crealos. Os políticos non estamos para dicir 'non é non', senón para o contrario. Estamos para dicir 'si é si' e neste momento despois de dúas eleccións consecutivas é unha irresponsabilidade histórica negar, bloquear o goberno do teu país"

De cara ás eleccións autonómicas do 25 de setembro, o candidato do PPdeG á reelección como presidente da Xunta admite que "non son capaz de saber quen encabeza a alternativa" ao seu partido nos comicios. Advirte que "sería unha pena que Galicia se metese nunha grande lea, a lea dos multipartidos coas leas internas desa lea multipartita". Nese senso, comenta que o PSOE "ten un partido distinto en cada provincia e ademais hai provincias en que hai máis dun Partido Socialista Obreiro Español en Galicia. Claro, preocúpame isto como demócrata porque entendo que o PSOE neste momento está máis preocupado de intentar que as mareas de Podemos e eles mais o BNG mais calquera outra formación política se unan non para gañar senon para esperar se o PPdeG non obtén ou lle falta un escano para conseguir unha maioría estable".

Tamén se refería a que Xosé Manuel Beiras non sexa o cabeza de cartel de En Marea nas eleccións. Cualificou de "moi duro para un político moi veterano escoitar dentro das súas confluencias que non o queren como cabeza de cartel. Foron moi claros os alcaldes das mareas de Ferrol e da Coruña. Foron moi claros os responsables de Podemos". Nesa dirección, Feijóo subliñou na entrevista da Radio Galega que "creo que neste momento se recordamos o goberno do bipartito onde eles mesmos se criticaban e eles mesmos dicían que era un goberno que gobernaba pola mañá e facía oposición pola tarde, pois realmente a alternativa do bipartito era moito máis sólida da que hoxe temos con este multipartito con ese lío de partidos con líos internos en cada un dos partidos que conforman o multipartito". E engade que o seu obxectivo é que "os galegos saiban cal é o seu presidente, que teña apoio maioritario en votos e escanos no Parlamento e non que o presidente estea secuestrado por un conxunto de formacións políticas que puntualmente o poden apoiar ou un presidente que non poda tomar ningunha decisión simplemente porque non ten lexitimidade en votos e apoios para tomar unha decisión que afecte a maioría dos galegos". Feijóo recoñece que é excepcional no actual panorama político acadar unha maioría absoluta pero asume o reto: "Se se produce unha votación masiva nas urnas creo que ese reto se pode conseguir,  se os galegos que non están dispostos a que Galicia se divida ou se paralice acuden ás urnas ese reto se pode conseguir".

Como obxectivo formula que "o que imos seguir ofrecendo é a estabilidade, o rigor nas contas públicas, que Galicia siga chegando a fin de mes, non endebedar Galicia, non deixar pufos na comunidade autónoma, a nosa débeda ten que ser a que acordemos dentro dos criterios de consolidación europeos e polo tanto conseguir un obxectivo fundamental que é baixar o paro por debaixo dos dous díxitos, por debaixo do 10 por cento, ese é o obxectivo fundamental".

Na entrevista deste domingo na Radio Galega, Alberto Núñez Feijóo facía balance dos dous mandatos á fronte da Xunta e aseguraba sentirse orgulloso de que "Galicia sexa unha comunidade solvente, viable economicamente e en consecuencia políticamente. Síntome orgulloso de que garantísemos os servizos públicos durante a recesión económica".

Programa de entrevistas
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí