CRTVG

Buscar

A Crónica 14h

Daniel López Acuña analiza a situación da pandemia

04/01/2021 - 14:22 h

O epidemiólogo e exdirector de Acción Sanitaria en Situacións de Crise da OMS Daniel López Acuña destacaba na Radio Galega que estamos xa nunha terceira onda e prevé que este novo crecemento da curva vai ser máis notable e con maior presión nos hospitais respecto ás anteriores ondas.

Sobre as medidas vixentes para os días de Nadal, sostén que son "demasiado laxas e permitivas" e engade que "non tiñan que producirse encontros e aglomeracións". Asegura que "é lamentable que polo afán de celebrar esteamos entrando nesta terceira onda".

O exdirectivo da OMS cre que as comunidades deben aumentar as restricións ante o aumento da incidencia e dos novos casos. "As comunidades coas incidencias máis altas deben formular a posibilidade dun confinamento domiciliario". Defende que é a forma de evitar unha terceira onda moi complexa que vai poñer en risco o sistema sanitario.

Sobre a situación da nosa comunidade, López Acuña afirma: "Galicia non ten os peores datos, pero ten que estar moi vixilante, sobre todo, coa propagación da variante británica".

O epidemiólogo defende que "todas as comunidades cunha incidencia por riba dos 250 casos por cada 100.000 habitantes deben considerar medidas máis restritivas, entre as que está o confinamento domiciliario".

Sobre a campaña de vacinación, López Acuña destaca que o principal problema é a lentitude que se está detectando en todo o territorio español.

"Hai que entender que para chegar a 30 millóns de persoas vacinadas ao final do verán, temos que vacinar a un millón de persoas por semana. Pero na última semana vacinamos 40.000 persoas", sinala.

Informativo con Silvia Pereira