CRTVG

Buscar

A Crónica 14h

O xerente da área sanitaria de Ferrol: "Reducimos a ocupación en planta nun 50% nas últimas semanas. Hai que seguir nesta liña de diminución de contaxios"

02/03/2021 - 14:21 h

O xerente da área sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, asegura nunha entrevista en 'A crónica' que a situación é favorable, cunha mellora dos indicadores, pero "teremos que esperar ata esta tarde para ver se esta mellora permite algunha modificación nas medidas actuais", sostén, en referencia á reunión desta tarde do comité clínico que asesora a Xunta.

As UCI tamén rexistran un descenso na ocupación. "Nestes momentos temos 7 pacientes ingresados covid positivo nas unidades de críticos, o que significa unha diminución respecto ao que tiñamos hai poucos días".

Sobre as operacións que tiveron que ser aprazadas por mor da alta presión hospitalaria, o xerente sinala: "Imos retomar patoloxías que, aínda que poidan demorarse, é mellor resolver canto antes".

O xerente da área sanitaria de Ferrol explica: "nestes momentos temos 47 pacientes nas unidades convencionais de hospitalización, moitos menos dos que chegamos a ter en datas pasadas, polo tanto reducimos en máis do 50% nas últimas semanas e isto é un bo sinal"

A partir de aí, indica "teremos que garantir que seguimos na mesma tendencia. A presión nos hospitais está moi condicionada polo número de positivos que temos na poboación xeral. Dese total de contaxios, algúns deles ingresan nos hospitais ou tamén poden precisar coidados intensivos".

Con estes datos, o doutor Facio insiste: "Se diminuímos, como está acontecer, o número de contaxiados e o número de casos activos, en consecuencia, diminúe tamén a presión hospitalaria".

Respecto ao proceso de vacinación de determinados colectivos, como o dos profesores, que se está desenvolvendo nos hospitais, o xerente da área ferrolá afirma que significa "moita carga de traballo e moita ilusión, xa que a vacina é unha ferramenta importante para poder poñer algún remedio a esta situación que temos. Estamos vacinando colectivos como o dos profesores no ámbito hospitalario, pero tamén os maiores de 80 anos nos centros de saúde, polo tanto, é un dobre esforzo"

Ángel Facio explica que estes días comezará a vacinación dos grandes dependentes que non viven en residencias.

"O potencial beneficio da vacina ten un alto impacto neste colectivo", indica o doutor nas ondas da Radio Galega.

Informativo con Sonia Iglesias