CRTVG

Buscar

A Entrevista

"Sempre me pareceu unha tomadura de pelo para a cidadanía presentarse a un cargo e ao ano seguinte marchar para outra cousa"

18/02/2018 - 14:12 h

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, desbota na Radio Galega dar o salto á politica autonómica nunha eventual candidatura á presidencia Xunta. No Espazo A Entrevista, Ferreiro admite que no primeiro ano da súa estadía á fronte da alcaldía coruñesa houbo faladurías sobre esa posibilidade pero di que "sempre me pareceu unha tomadura de pelo para a cidadanía presentarse a un cargo e ao ano seguinte marchar para outra cousa". Engadiu que nunca viu "o Concello da Coruña nin a alcaldía da Coruña como un trampolín para nada".

Xa o dixen, non tiven ambicións políticas en ningún momento e me situei aquí dando un paso adiante para axudar un proxecto colectivo que é Marea Atlántica

Ferreiro apostilou que está "centrado" en rematar este mandato e si admite que quere "optar á reelección" e insitiu na idea de que cando alguén se presenta a un cargo "é para cumprir co mandato que lle dan os cidadáns".

Preguntado pola situación de En Marea, e sobre as súas declaracións no pasado de que algo que non se estaba facendo ben no partido instrumental, o rexedor limitouse a dicir que está "moi centrado na Coruña" e insiste en que "nunca tiven intención de dar un salto a outro lugar". Asegura que ten opinión pero  a seguir engade "que tampouco hai que andar aí dicindo cousas que xa se dixeron ou cambiando". Para o rexedor o principal é sumar. 

"Non estou decepcionado nin deixo de estar decepcionado, as cousas van como van e cando cheguen os tempos haberá que facer balance e xa está", respondía á pregunta de se está decepcionado. Tampouco quixo pronunciarse sobre as declaracións de Xosé Manuel Beiras en que o histórico nacionalista dicía ver máis preocupada á esquerda polas enquisas que polas necesidades sociais. O que si aseguraba Ferreiro é que na Marea Atlántica non percibe iso. Sobre o liderado de Luís Villares, negou saber que haxa "alguén que vai cuestionalo" e como líder da oposición no Parlamento galego, Ferreiro di de Villares que "ten que seguir facendo o seu labor tan necesario".

De cara ás municipais e a proposta na que traballa En Marea de sacar máis rendemento ao apoio que reciban nas urnas e obter maior cota de representación nas deputacións, Ferreiro amosouse favorable. De feito, admitiu que "sempre partimos desa posibilidade de agrupar na área metropolitana da Coruña". Segundo dixo, "creo que é importante que tamén nas áreas metropolitanas se conforme en base a alianzas e ese creo que é un escenario que aínda está aberto".

Respecto ao perigo de que nun mesmo concello compitan varias marcas de unidade popular, o rexedor herculino dixo agardar que iso non se produza aínda que recoñeceu que "non vexo nestes momentos un risco que iso pase".

Sobre o papel de Podemos no seo de Marea Atlántica, Ferreiro asegura que "lle toca sumar" porque "a suma multiplica" e di agardar que todos os sectores estean representados na lista electoral que se presente nas próximas municipais. 

Xulio Ferreiro asegura que está "moderadamente satisfeito" co balance da primeira metade do mandato porque considera que "se alcanzou un nivel de cumprimento do programa moi alto". No que atinxe á polémica pola compra de dous  inmobles por parte do Concello a unha persoa  afín á Marea, o rexedor asegura que a comisión técnica di que non se incumpriron os requisitos e defende a transparencia coa que traballou esa comisión. Acto seguido censurou ao PP por practicar -dixo- unha estratexia que a el lle daría vergonza e é a de "intentar convencer a sociedade de que todos os demais son tan corruptos coma eles". Insiste en quen "non se fixo ningún trato de favor a ninguén" e que "outra cousa é enredar". Tampouco aforrou críticas aos socialistas ao dicir que "o Partido Socialista unha vez que remate o Entroido creo que debería deixar de facer de comparsa do Partido Popular neste caso". Indicou ademais que se alguén ten dúbidas que "vaia ao xulgado de garda".

Outro dos temas da actualidade municipal coruñesa é o dos okupas na antiga comandancia, o alcalde insiste en que tras formalizar a titularidade dos terreos, "agora o que temos que pedirlles é que abandonen ese lugar e acometer as obras". O rexedor non puxo prazos concretos máis que "os legais".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí