CRTVG

Buscar

A Entrevista

Ante o 21-D en Cataluña: "Creo que cada forza política exporá o seu proxecto"

29/10/2017 - 14:10 h
Ante o 21-D en Cataluña:

O voceiro do PP no Senado, o lucense Xosé Manuel Barreiro, descarta na Radio Galega unha posible alianza entre os partidos considerados constitucionalistas nas eleccións do 21 de decembro en Cataluña. Na Entrevista, Barreiro apostou por que "cada forza política exporá o seu proxecto; outra cousa diferente é que  despois dun proceso electoral, se hai un resultado que formule un escenario onde os partidos constitucionalistas -eu espero que así sexa- teñan unha maioría superior aos que poidan ter os partidos independentistas pois se poña por diante o interese xeral". Para o popular, o importante é que haxa un "goberno que garanta a legalidade, que garanta a convivencia" e que garanta a "democracia en Cataluña".

Ao preguntarlle por se teme que se volvería a formular unha DUI  se tras os comicios o independentismo tivese de novo mellores resultados e se volvese  presentar a situación actual, Barreiro limitouse a dicir que "toda a sociedade catalá e o conxunto de España" puido comprobar dúas cousas. E citou "que o estado de dereito ten os seus mecanismo de defensa"   e que " ten capacidade para reverter unha situación que queda á marxe da lei", a outra é que "Mariano Rajoy é unha garantía clara dese cumprimento, desa volta á normalidade".

Así mesmo, ante unha posible concorrencia de Puigdemont ás eleccións do 21-D, Barreiro -aínda que non quixo aventurarse a se dará ese paso- dixo que "se realmente queren ter un comportamento como demócratas, tanto o señor Puigdemont (...) teñen oportunidade de demostralo pero demostralo de verdade".

O voceiro do PP no Senado tamén criticou a Podemos ante a súa posición na crise soberanista. Para Barreiro, Podemos é un partido "totalmente personalista que xira arredor do señor Iglesias e, polo tanto, o señor Iglesias vai utilizando dunha ou doutra forma dependendo de como mellor entenda el que lle vai en función do rédito electoral". O popular engadiu que "eu creo que xa  ninguén cre en España que Podemos sexa un partido cuxo interese fundamental sexa traballar por España". Mesmo sentenzou, "Podemos non cre en España nin cre en Cataluña"
 
De cara á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para 2018, Barreiro referiuse ao PNV para dicir que "sería bo" que se "retomase" a negociación e se recuperase "ese marco de diálogo" que houbo en 2017. Mesmo comparou o compartamento do PNV co dos nacionalistas cataláns para dicir que aínda que é "nacionalista", "dista moito do compartamento que se ten dado en Cataluña por parte dos independentistas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí