CRTVG

Buscar

A Entrevista

"Eu aspiro a que o socialismo galego estea no Goberno"

03/06/2018 - 14:10 h

O voceiro parlamentario do PSdeG-PSOE, Xoaquín Fernández Leiceaga, di que aspira a que no próximo Goberno de Pedro Sánchez o socialismo galego estea presente. Na Entrevista da Radio Galega, Fernández Leiceaga asegura que aspira “a que haxa unha representación no Goberno” e “desde logo, ten que haber unha representación nos segundos niveis do Goberno e no plano territorial”. Acto seguido, o voceiro socialista no Pazo do Hórreo sinalou:

Pediríalle tamén atención ás demandas que teñen un amplo consenso no Parlamento de Galicia e que foron trasladadas ao Goberno central neste tempo: desde a transferencia da AP-9 ou a necesidade de abrir as negociacións para un novo modelo de financiamento autonómico

Respecto á reclamada transferencia da autoestrada do Atlántico, Leiceaga explicou que “hai que cumprir os trámites legais” para logo engadir que “temos que ver cal é o modo máis fácil de facelo”. O socialista destacou que “non hai moito tempo”, ao pasaren xa dous anos de lexislatura pero si lembrou que as formacións que apoiaron a Sánchez neste cambio no Goberno “son favorables a esta posición e por tanto hai unha fiestra de oportunidade para que isto se poida facer”. Inmediatamente despois deixou a dúbida no aire cun “veremos se dá tempo”

A transferencia da AP-9, o financiamento autonómico, o impulso ao agro e mar galegos así como esforzos para desenvolver a lei de dependencia e como conseguir que a revalorización das pensións consonte o IPC “non quede ao albur dun goberno e quede consagrado por lei”, son algunha das medidas que Fernández Leiceaga insta a acometer polo novo goberno. 

Tamén fixo fincapé  en que “hai que completar as obras do AVE e impulsalas para que estean canto antes”. Sobre este particular, Fernández Leiceaga lembrou que o seu partido ten criticado os prazos dados polo Executivo Rajoy ata o de agora ao consideralos irreais. O voceiro parlamentario socialista cre preciso que “haxa dotacións suficientes para que poidamos manter o escenario que estaba formulado, que por certo, non era realista”. Nesa liña puxo un exemplo ao dicir que “non é posible facer Taboadela-Ourense nos prazos que dicía o señor Feijóo e o señor ministro”. Segundo o socialista, “o que está previsto é facer o AVE sen ese tramo”. Para a voz do PSdeG no Parlamento galego sería importante que o Goberno central “fora transparente e realista e nos indicase, tal e como están as cousas agora, cal é o momento en que isto vai rematar”.

En todo caso, ante os Orzamentos Xerais do Estado aprobados polo Congreso antes de que prosperase a censura e Sánchez vai respectar, Fernández Leiceaga di que agarda que “Feijóo non descubra que ten moitas debilidades” e “que sexa todo o mundo coherente” ao lembrar que foi o “Partido Popular quen escribiu as regras e as cifras”. Aínda falando dos posibles cambios que pode traer consigo a etapa do PSOE na Moncloa, Fernández Leiceaga si desliza a idea de que Gonzalo Caballero -o secretario xeral do PSdeG-  podería entrar en breve no Parlamento galego. Entrada que o voceiro parlamentario admite que lle “aconsellaría”. Segundo dixo, “esta nova situación abre máis opción e eu creo que vai ter que decidir moi rápido Gonzalo Caballero que debe facer”. E é que para Fernández Leiceaga, “o líder do partido socialista de Galicia debería estar presente no Parlamento galego e esta nova situación abre algunhas posibilidades para que isto sexa así”

O voceiro parlamentario socialista considera que coa chegada de Sánchez á Moncloa “se abre un novo ciclo”

Pechamos unha etapa longa de Mariano Rajoy como presidente, caracterizada por recortes, por axustes, por precariedade laboral (…) e esmagado por unha lousa de corrupción institucionalizada

Para o socialista, esta nova etapa ten que ser a da “rexeneración democrática” e na que se loite por “reducir substancialmente as desigualdades sociais”, se reforcen os servizos públicos e no plano territorial, “comezar a desactivar o problema catalán”. O socialista galego limita a debilidade parlamentaria do Goberno de Sánchez ao asegurar que “a debilidade parlamentaria tamén a tiña Mariano Rajoy, de feito xogou todo este tempo ao catenaccio”. Para Fernández Leiceaga, “hai tres ou catro cuestións en  que existe unha maioría no Parlamento sobre a que debe apoiarse a acción de Goberno de Sánchez” e fixou entre as cuestións a de darlle máis respecto á diversidade territorial, cousa para que -opina- “hai maioría transversal no Congreso para isto”. Sobre a duración dese goberno:

O propio Sánchez dixo que era un Goberno que tiña un punto definido de chegada que son as eleccións, dando a entender que non esgotaría o mandato e posiblemente dada a precariedade parlamentaria, a fragmentación, é o máis razoable

O voceiro dos socialistas galegos no Pazo do Hórreo tamén se referiu aos posibles contactos e pactos de Pedro Sánchez con outras formacións . “Eu creo que o que propón o novo goberno é establecer un diálogo franco pero dentro da legalidade”, aseverou. Nesa liña, di que percibe “unha novidade de moi relevante” no que atinxe ás posibilidades de negociar un novo modelo de financiamento. Fernández Leiceaga destaca que xa hai un goberno en Cataluña “lexítimo” polo que “a partir dese momento temos dezasete gobernos autonómicos perfectamente constituídos” polo que considera que é o momento para “facer un intento” e “darlle un novo impulso ao  modelo de financiamento autonómico e intentar chegar ata o final”.

Xoaquín Fernández Leiceaga tamén analizou a situación de políticos e partidos unha vez que a censura prosperou en Moncloa e os posibles efectos da mesma. Sobre o PSOE, si considera que a chegada de Sánchez ao goberno do Estado “nos pode situar nunha posición mellor” e lembrou que o partido que está no goberno “ten un plus se o fai ben”. De cara ás locais do ano que vén, e ante a perda de voto urbano en lugares como a provincia da Coruña, Fernández Leiceaga amósase optimista co efecto de Pedro Sánchez. Segundo dixo, “Sánchez fixo transformación interna dentro do partido que nos permitirá dirixirnos aos cidadáns cunha oferta máis moderna”.

En xeral, no plano municipal galego, o socialista di que sería razoable manter a cota de poder existente na actualidade  e en provincias como a da Coruña, “mellorar esas posicións”. Sobre as municipais, rexeita que sexan test para Gonzalo Caballero ao non ser el candidato nestes comicios.

Ao preguntarlle polos nomes de socialistas, algún deles xa postulados, que soan como candidatos á alcaldía de Santiago, Fernández Leiceaga di que son “perfectamente válidos para encabezar unha lista” aínda que deixou unha lixeira crítica por ter algún publicitado as súas aspiracións sen terse aberto aínda ningún proceso de primarias. 

Sobre o futuro do popular Alberto Núñez Feijóo, o socialista entende que “o máis fácil é que se lle abra un novo carril por onde correr dirección a algunha responsabilidade no seu partido en Madrid”. Mesmo considera preciso “despexar” ese eventual futuro do presidente da Xunta. Así mesmo, Fernández Leiceaga entende que esta moción de censura serviu para demostrar que “Ciudadanos está disposto á rexeneración democrática sempre que o propio partido saia favorecido” e augurou “custo para Ciudadanos”. Dos gobernos das mareas, Fernández Leiceaga di que teñen “balance bastante magro” tras chegar ás alcaldías “xerando expectativas moi elevadas”

 

Programa de entrevistas
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí