CRTVG

Buscar

A Entrevista

"Temos que saber organizar mellor estas primarias"

03/12/2017 - 14:10 h

Xoaquín Fernández Leiceaga suxire na RG que as críticas de En Marea á comisión de estudo dos lumes obedece a problemas internos da formación rupturista. O voceiro parlamentario do PSdeG tamén considera necesario que o PsdeG organice "mellor" as primarias

O voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegura na Radio Galega que dende a dirección do partido "non hai ningún ánimo" de impulsar ningunha candidatura concreta ante as primarias provinciais que vive a formación estes días.  "O cal non quere dicir", admitiu, que militantes, "incluídos algúns que están na dirección, teñan as súas posicións". O que ten claro o voceiro socialista é a que a dirección ten que "respectar os resultados despois de facilitar que poida haber unha alta participación". Segundo Fernández Leiceaga, "saia quen saia son todos militantes do partido, militantes coñecidos, cualificados" e dixo que "hai que traballar con eles a partir da súa elección, da mellor maneira posible e sen que existan friccións".

Agora do que se trata xustamente é de que, despois de que falaran os militantes a nivel Galicia, a estrutura central do partido poida marcar as posicións políticas e impulsar un traballo máis eficiente na organización. Sei que para isto as estruturas provinciais van colaborar realmente

Tras admitir que as primarias someten ao partido ao escrutinio público de forma aberta e iso "ten os seus custos", Fernández Leiceaga fixo unha reflexión sobre este proceso ao asegurar que "temos que saber organizar mellor estas primarias, non quero dicir só as direccións, senón os militantes e os candidatos".

Temos que aprender a comportarnos para saber que hai límites ao debate político que se pode dar en público e que hai límites que non se deberían traspasar. E ao mesmo tempo eu creo que canto máis agrupemos, mellor

Na conversa, Fernández Leiceaga deslizou unha crítica á actitude de En Marea tras a constitución da comisión de estudo dos lumes no Parlamento galego tras quedar fóra da mesa deste órgano a organización rupturista.

Non quero interpretar isto como un intento dun sector de En Marea por emendarlle a plana ao seu portavoz por apoiar sen máis a constitución da comisión. Non sei se foi así ou non, espero que non sexa así

Non entendo por que hai este intento de cuestionar unha comisión que bota a andar co desexo expreso de todos de poder chegar a un gran consenso, a un gran acordo

Ante a inminente negociación do financiamento autonómico en España, Fernández Leiceaga expresou o seu desexo de "que houbera un acordo sobre os criterios e que despois houbera unha participación das Comunidades Autonómas que teñen intereses diferentes para, eses criterios, plasmalos nun acordo final"

Entre os criterios que na súa opinión deben primar figura a "cobertura das necesidades de gasto" e tamén aplicar a "solidariedade entre territorios". Ante propostas como a do socialista catalán Miquel Iceta de condonar parte da débeda catalá, Fernández Leiceaga di non compartir esta visión como tampouco apoia o modelo de concerto que defende para Galicia o BNG. Segundo o voceiro parlamentario, o concerto económico é "unha anomalía no conxunto das comunidades" que xeralizado "deixaría sen recursos á Facenda central", no caso de Galicia "os resultados financeiros serían moi negativos".

Os socialistas galegos, asegura, defenden "avanzar un pouquiño na autonomía financeira das Comunidades Autónomas" pero "manter a arquitectura básica do sistema" e que cada comunidade sexa financiada en función das súas "necesidades" e se é preciso aplicar criterios de "solidariedade".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí