CRTVG

Buscar

A Entrevista

Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG e candidato ás primarias á secretaría xeral

24/09/2017 - 14:10 h
Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG e candidato ás primarias á secretaría xeral

O voceiro parlamentario dos socialistas galegos e candidato ás primarias á secretaría xeral do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, reduce a dous candidatos a contenda final polo liderado do partido en Galicia.

Na Entrevista da Radio Galega, Fernández Leiceaga así o concluíu unha vez rematado o proceso de recollida de avais e á luz dos resultados obtidos polos tres aspirantes. Segundo explicou, "aqueles que representamos un proxecto de cambio, como é Gonzalo Caballero e son eu mesmo, en relación coa situación actual de bloqueo do partido, estamos en cabeza". "Gonzalo Caballero está en avais un pouco por diante e eu creo que a partir de aí se define un escenario onde claramente o que ten que decidir o partido é se Gonzalo Caballero ou eu somos o secretario xeral a partir do mes de outubro".

A continuación, Fernández Leiceaga deu por amortizado o terceiro aspirante, Juan Díaz Villoslada. Na súa opinión, "quedar en último lugar partindo dunha posición en que ten o apoio de importantes dirixentes -os aparatos provinciais cando menos de Lugo e A Coruña- pois creo que o deixa moi tocado para poder aspirar a ser secretario xeral".

Ao preguntarlle por posibles pactos entre candidatos ás primarias, Fernández Leiceaga considéraos "absolutamente lexítimos". E lembrou que se houbese dúas voltas, "que sería o razoable", indicou", "agora estariamos dous candidatos disputando a última volta". Para o socialista, "o sensato é que o próximo secretario xeral saia elixido cun apoio maioritario da militancia". Nun contexto a tres, é "máis complicado", sentenciou.

Se gaña, Fernández Leiceaga tendeu a man á integración, é fixouno como a súa "principal oferta" neste proceso interno. No caso de perder, o socialista recoñece que non pensou deixar o Parlamento ao asegurar que ten "mandato de ser deputado catro anos" e de ser portavoz parlamentario mentres a cúpula do partido así o queira. Para Fernández Leiceaga, "non sería moi responsable pola miña parte dar un paso atrás". O que si admitiu é que se hai "espazos de colaboración, perfecto", de non habelos, apostaría por "buscar outro acomodo no partido".

O voceiro parlamentario do PSdeG considera que a enquisa de intención devoto publicada este domingo por La Voz de Galicia reflicte unha "situación de práctica estabilidade". Ao seu entender, esta sondaxe estivo feita nun momento en que "non hai tensión electoral" e foi en tempo "case vacacional" e insistiu en que "fomos capaces de resistir nun contexto en que en Galicia non tiñamos ningunha dirección política e onde as disputas internas foron estremadamente marcadas". Dito isto, Fernández Leiceaga expresou o seu desexo de que "a partir do mes de outubro poidamos poñer do lado da nosa presenza institucional" un partido que "funciona", un proxecto "renovado" e que "estabilicemos a vida interna do partido".

Ante o inminente Debate do Estado da Autonomía no Parlamento galego, o voceiro parlamentario explicou que hai dúas principais críticas que lle pón ao Goberno de Núñez Feijóo. Na súa opinión, "é un goberno sen proxecto e que ademais ten unha resistencia a defender os intereses de Galicia fronte ao Goberno central moi clara".

Coa cuestión soberanista catalá como pano de fondo, Fernández Leiceaga asegura que para o PSdeG a cuestión da plurinacionalidade non é "relevante" nin "demasiado preocupante". Así mesmo, defende que a soberanía reside "no conxunto do pobo español" e considera que "ese é o límite que non se pode romper e traspasar". Así mesmo, asegura que non percibe "ningunha tensión para revisar a nosa posición política (a doPSdeG)" sobre este asunto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí