CRTVG

Buscar

A Entrevista

Xoaquín Fernández Leiceaga, Voceiro do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia

23/04/2017 - 00:00 h
Xoaquín Fernández Leiceaga, Voceiro do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia

Xaquín Fernández Leiceaga pídelle na Entrevista da Radio Galega unha reflexión a En Marea e ao PP para "normalizar" o funcionamento do Parlamento. O voceiro parlamentario socialista desmárcase das denuncias efectuadas por Carmen Santos, pero tamén critica por excesiva a reacción do grupo popular. Fernández Leiceaga opta por unha posición intermedia na polémica que se abrira cun chío de Santos na rede social Twitter no que dicía "revindicamos q non nos asasinen señores do @ppdegalicia" e tras o que os populares consideraron que a líder de Podemos en Galicia deixaba de ser unha interlocutora válida, o que acabou esta semana coa petición de amparo de En Marea para Santos.

Leiceaga di que "as palabras de Carmen Santos na interpretación polo menos que se lle deu publicamente non era acaídas. Pero eu creo tamén que a actitude do PP é excesiva e por tanto debo facer un chamamento á reflexión tanto a En Marea coma ao grupo popular para conseguir que o funcionamento do Parlamento sexa un funcionamento máis normalizado".

Xaquín Fernández Leiceaga tamén cuestiona que En Marea siga insistindo en abrir en Galicia unha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois. Entende que o ámbito no que cómpre desenvolver a investigación é o Congreso e nese sentido pon o acento en que "un grupo similar a En Marea nas Cortes de Castela e León acaba de rexistrar recentemente unha iniciativa que deixaría ao Congreso dos Deputados esa responsabilidade. Eu creo que os deputados de En Marea deberían aprender disto".

Leiceaga tamén amosaba na Radio Galega a súa esperanza en que esta vez poida saír adiante a iniciativa do Parlamento Galego para a transferencia da AP-9:

Creo que hai posibilidades de que se discuta no pleno e por tanto se tome unha decisión favorable aos intereses de Galicia

En relación ao xuízo que debe afrontar o ex-alcalde de Negreira Jorge Tuñas como presunto autor dun delito de apropiación indebida por non ter devolto 18 teléfonos móviles, o voceiro parlamentario socialista afirma que "primeiro hai que felicitalo por ter cumprido os seus compromisos en relación co código interno do partido tamén os seus compromisos no propio concello. Se se abría xuízo oral dixo que ía dimitir como alcalde e así o fixo. E en segundo lugar eu agardo que quede en nada".

Fernández Leiceaga evita posicionarse en relación ás primarias do PSOE: "Eu creo que para preservar o grupo parlamentario como un instrumento útil para poder faacer política en Galicia debemos mantelo á marxe da competencia que exista entre diferentes persoas no partido". En todo caso, nega que o debate interno xere discrepancias no grupo:

Non. Creo que non se percibe así na sociedade e tampouco se percibe nos contactos que temos entre nós. Procuramos falar do noso traballo, as iniciativas parlamentarias que presentamos e os debates que temos na cámara e a iso lle dedicamos a maior parte dos nosos esforzos. Despois, unha vez fóra do Parlamento, pois cada un toma as decisións que considera oportunas no ámbito do partido.

Recoñece que a formación está nunha "situación delicada" pero agarda que destas primarias saia un PSOE "máis unido e forte" e en todo caso pon en valor o papel de Javier Fernández como líder da xestora: "Tiña unha papeleta moi complicada". En todo caso, Leiceaga elude entrar en consideracións sobre o congreso que o PSdeG ten pendente para despois das primarias federais: "estamos noutra fase". Cando se lle pregunta se o resultado das primarias pode influir na súa decisión de aspirar á secretaría xeral do PSdeG di:

Non, non, eu non teño que tomar esa decisión. Eu estou dirixindo o grupo parlamentario e espero seguir facéndoo no futuro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí