CRTVG

Buscar

A Entrevista

Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega

02/04/2017 - 00:00 h
Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega

O novo presidente da Real Academia Galega fai un chamamento a superar as divisións existentes na institución, que quedaron evidenciadas esta semana na sesión plenaria da RAG da que se ausentaron 6 académicos polas súas discrepancias co proceso electoral desenvolvido. Na Entrevista da Radio Galega, Victor Freixanes rexeita as críticas dese sector crítico. Asegura que negociou con eles para tratar de integralos no seu equipo pero marcando como liña vermella a incorporación de dúas mulleres á directiva.

Na Academia hai que plantexarse en serio, na sociedade en xeral hai que plantexarse moi en serio o tema da muller. E, simbolicamente, primeiro, é moi importante ter as mulleres aí e, segundo, dá a casualidade de que o máis vivo que temos na Academia, o máis activo e o máis renovador son dúas persoas que veñen nesa candidatura que son Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey

E pon o acento ademais e que ambas "non estiveron en conflitos anteriores". Recoñece que lle tería gustado que os críticos - nove académicos ausentáronse esta semana do plenario, dos que tres excusaron a súa asistencia - estivesen na votación, aínda que fose para opoñerse ao seu nomeamento. En todo caso, Freixanes circunscribe a fenda na Academia a "cuestións persoais de persoas moi concretas" que non superaron vellas feridas. E aínda que non foi posible desta volta o acordo, di que non perde a esperanza de conseguir a unidade de acción de todos no traballo diario da institución. Pero advirte de que a unidade "é algo que temos que conseguir entre todos". O novo presidente da RAG cualifica a súa candidatura de continuista porque "entendo que o equipo anterior fixo un extraordinario traballo", pero recoñece abertamente que antes ca el a súa candidata a presidir a academia era Rosario Alvarez Blanco. 

Victor Freixanes aproveitou o seu paso polos micrófonos da Radio Galega para demandarlle á sociedade civil unha maior implicación coa Academia e aposta pola colaboración de empresas privadas no desenvolvemento de proxectos da RAG, a semellanza do que xa pasa noutras institucións desta natureza:

Por que non podemos traballar como traballamos na universidade ou na empresa chegando a acordos con empresas para desenvolver proxectos? Por que as empresas galegas ou estamentos financieiros non poden apoiar economicamente para desenvolver proxectos?

A diferenza da opinión expresada por Méndez Ferrín, o novo presidente da RAG entende que a institución non corre risco, pero si recoñece que precisan máis recursos. Sen renunciar a solicitar máis fondos públicos, explica que no País Vasco e Cataluña, coa mesma asignación do goberno central que Galicia, consiguen máis cartos porque dende a sociedade civil hai "empresas e institucións privadas que apoian as academias e as financian.

De cara á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura de Carlos Casares, Freixanes salienta a multitude de solicitudes que está recibindo a Academia para distintos actos e advirte que a RAG debe, nese sentido, ser capaz de traballar armonicamente con outras institucións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí