CRTVG

Buscar

A Entrevista

"Hai actuacións que poderemos afrontar de aquí a final de ano, principios de 2018, en materia de repoboación"

22/10/2017 - 14:10 h

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanza na Radio Galega que a semana que vén se activará un teléfono para atender ás vítimas dos incendios destes días "e se poidan dirixir a nós". Así mesmo, tras poñer en primeiro plano o apoio ás familias das vítimas mortais dos lumes, na Entrevista da Radio Galega asegurou que hai determinadas cuestións  de "natureza urxente que xa van contra estes orzamentos de 2017".

Hai determinadas actuacións onde a Xunta ten a suficiente capacidade para, con carácter paliativo, afrontar e que non haxa afectación de carácter ambiental ou  mesmo nos nosos bancos marisqueiros

E puxo tamén como exemplo "empezar a recuperar o patrimonio público dos concellos que en principio puido ser danado"

Martínez incidiu en que, "sempre de acordo cos técnicos",  o primeiro é "adecentar os terreos susceptibles de ser repoboados". Ao seguir, o conselleiro de Facenda concretou que "hai actuacións que poderemos afrontar de aquí a final de ano, principios de 2018, (...) en materia de repoboación"

Concluíu asegurando que "nunca imos baixar a garda sobre os montes" e "seguiremos sempre, sempre, sempre, intentado que os nosos montes -que é un dos factores máis diferenciais que Galicia ten como comunidade-, estean o mellor posible"

No que atinxe ao Proxecto de Orzamentos da Xunta para 2018, Martínez defendeu as contas e en materia de salarios públicos, o conselleiro de Facenda expresou a vontade do Goberno galego de  apostar por unha "recuperación retributiva".  Segundo explicou, a suba salarial para os empregados públicos galegos móvese "como mínimo nos memos termos que a estatal". Á espera da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano, Martínez si asegurou que "a Xunta está disposta a xogar a varios anos de recuperación retributiva" porque "cremos que é o normal e despois dun esforzo moi grande que lle pedimos aos nosos empregados públicos".

Creo que temos a marxe suficiente para afrontar con normalidade dunha maneira inmediata a parte básica pero tamén se queda algunha marxe para a Xunta ou para calquera outra administración, xogaremos nese campo

O conselleiro de Facenda admite que a crise soberanista catalá empeza a notarse na economía galega ao recoñecer que "empeza a haber sinais". Segundo Martínez, a economía galega é "moi aberta" porque se relaciona moito con "terceiros países pero tamén co resto de España".

Obviamente aí hai un impacto, se ben é certo que o impacto que nós temos detectado, que  nestes momentos é suave,  pero que en principio todo nos indica que vai ser un impacto, de seguir durante meses esta situación, relativamente considerable

Con todo matizou que "sempre manterá, a economía de Galicia por riba do que é a economía de España"

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí