CRTVG

Buscar

A Entrevista

“As cousas podíanse ter feito doutro xeito en Ferrol dende hai moito tempo”

01/04/2018 - 14:10 h

O presidente da Deputación da Coruña e secretario provincial do PSdeG na Coruña, Valentín González Formoso, referiuse na Radio Galega á decisión da dirección do partido en Galicia de desestimar o recurso do senador Ángel Mato sobre presuntas irregularidades na asemblea local de Ferrol na que resultou elixida Beatriz Sestayo. Na Entrevista, González Formoso apunta que a decisión final é “competencia” da dirección do PSdeG, que se trata dun “procedemento xurídico administrativo, onde nós adoptamos unha decisión que non é vinculante” fronte á decisión da dirección do PSdeG que “si é vinculante”. Unha vez neste punto, e tras asegurar que toca “respectar” este ditame, o tamén alcalde das Pontes apelou a que “empecemos a mirarnos menos ao embigo e empecemos a mirarlle máis a cara á xente e aos seus problemas do día a día”.

Na opinión de González Formoso, as cousas en Ferrol, “podíanse ter feito doutro xeito dende hai moito tempo” e lembrou o “escenario moi difícil en Ferrol de relación entre compañeiros e compañeiras que se traduce, a veces, nunha imaxe que a cidadanía non comprende”.

O líder provincial rexeita que na decisión de Gonzalo Caballero primase que Sestayo apoiara a Caballero nas primarias á secretaría xeral porque González Formoso dise convencido de que “o compañeiro Gonzalo quere igual que eu e que calquera outro compañeiro ou compañeira do Partido Socialista de Galicia o mellor para a o partido e polo tanto non estamos nese tipo de claves”. Lembra que se trata dun “procedemento xurídico regulamentado” no que non se trata de “acertar ou non acertar”. Malia repetir varias veces que  “temos un problema importante en Ferrol de imaxe”, non quixo pronunciarse sobre Beatriz Sestayo debe ou non ser a candidata ás locais.

En Ferrol os resultados que hai agora mesmo está vinculados loxicamente a un equipo determinado, a unha dirección determinada,  toca que haxa cambios ambiciosos da man de todo o mundo en Ferrol

González Formoso pensa que “os compañeiros e compañeiras teñen que tomar as decisión oportunas, loxicamente hai procedementos internos de designación de candidatos e candidatas” e así e todo indica que “neste partido non sobra ninguén”. O que si recomenda é ter -naqueles órganos nos que se decidan as candidaturas- “a capacidade de escoller os mellores equipos”. Ferrol á marxe, o presidente da Deputación apunta que Gonzalo Caballero “ten un reto importante na próximas municipais e temos un problema nas cidades da provincia da Coruña”.

Nas tres cidades da provincia da Coruña fai falta novos pulos, fai falta novos bríos, fai falta novos proxectos, novos equipos

As municipais serán proba de fogo non só para Gonzalo Caballero senón tamén para os secretarios provinciais, indicou, ao tempo que indicou que no PSOE teñen “un paradigma” e explicou que para “optar ao goberno autonómico, para optar ao goberno do Estado, tes que ter uns resultados nas municipais”. De cara a eses comicios locais, González Formoso non quixo desvelar se optará a presentarse de novo á reelección como presidente da Deputación porque “hai un ano e medio para formularse varios escenarios”.  Di que ese “escenario persoal aínda non o teño aclarado eu mesmo”.

Fronte a outros compañeiros de partido, González Formoso si recoñece estar “preocupado” polas enquisas porque malia a “política de recortes inmensa” e outros “escenarios máis complexos” o “Partido Socialista non supera o Partido Popular”. Ante outras formacións novas como Ciudadanos, ou Podemos, González Formoso di que o Partido Socialista non pode estar “ao vaivén  das modas” senón que ten que “estar á fronte, na vangarda, ofrecendo unha postura propia dende a socialdemocracia”.

Preguntado sobre a polémica arredor da deputada de En Marea, Paula Quinteiro, o presidente da Deputación Provincial da Coruña di que -malia non coñecer os detalles e defender que cada partido resolva os problemas de forma interna- non lle gusta o acontecido porque “é un escenario que a cidadanía, que a sociedade, hoxe non admite”.

O socialista González Formoso abordou tamén a polémica arredor da continuidade ou non das Deputacións. Asegura que non é dos “que pon en tea de xuízo as funcións que fai a Deputación da Coruña” pero si ve “suprimible a institución provincial como tal” e que súas función fosen asumidas ou subsumidas pola dirección xeral de administración local da Xunta 

 

Programa de entrevistas
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí