CRTVG

Buscar

A Entrevista

Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia

10/09/2017 - 14:09 h
Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, fixo balance na Entrevista da Radio Galega da loita contra os incendiarios na nosa comunidade. Segundo Villanueva, "neste ano levamos máis de 150 detidos ou investigados, persoas vinculadas cos incendios forestais, que pasaron a disposición xudicial, se puxeron en mans da xustiza". 

Deste xeito, o representante do Executivo central en Galicia aludía e defendía o traballo realizado polas forzas de seguridade na loita contra os que lle prenden lume ao monte. Nesa liña, Villanueva aposta por "endurecer as penas" e apelou a buscar o consenso neste asunto. "Temos que reflexionar, unha unidade entre todos os grupos políticos, entre todas as forzas se é necesario modificar a lexislación -que eu creo que si- e endurecer as penas para os que cometen estes actos"

Ante a campaña da Dirección Xeral de Tráfico de control do uso de cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil que mañá arranca , Villanueva destacou a evolución dos sinistros mortais de tráfico este ano respecto ao anterior. Segundo o Delegado do Goberno, "os datos deste ano en comparación cós do ano pasado, vamos relativamente ben" e concretou que "o ano pasado, a estas alturas do ano, levábamos 69 vítimas mortais en Galicia" e "neste ano levamos 53". Mesmo indicou que "no ano pasado, na campaña de verán, morreron en Galicia 21 persoas e este ano houbo unha redución de case o 50 por cento" ao morreren 10 persoas. Co obxectivo de que non morran persoas nos accidentes de tráfico por non levar medidas de seguridade o delegado do Goberno defendeu a posta en marcha de campañas como a que mañá se vai activar. 

O delegado do Goberno tamén abordou o reforzamento de seguridade que dende hai tempo se puxo en marcha en Galicia con motivo da alerta terrorista.  E dixo que se vai "potenciar" aínda máis a colaboración con outras policías. Falou da necesidade de "concienciar máis á poboación" na colaboración coa policía "a nivel de información". Así mesmo, aseverou que a "receptividade é total" entre as administracións á hora de abordar a colaboración conxunta na prevención. Tras afirmar que Galicia é "moi segura" á luz das estatísticas de criminalidade, Villanueva tamén admitiu que "a seguridade ao cen por cento, a seguridade total, non existe". 

Na véspera da Diada e co desafío soberanista no plano político, Villanueva cualificou de "complicada" a situación que se vive con Cataluña e dixo que afecta "a tódolos españois".  

O delegado do Goberno defendeu a actuación do Executivo central para responder ás medidas aprobadas no Parlament catalán, dixo que o referendo non se vai celebrar  e afirmou que "todos os que representamos dalgún xeito ás administracións temos a obriga de cumpir a lei e a obriga de facela cumprir". 

Cuestionado polas declaracións do líder do PSOE, quen atribuíu que en termos históricos Galicia, Cataluña e Euskadi terían tamén consideración de nación, Villanueva cualificounas de "bandazos". 

Segundo o delegado do Goberno en Galicia, "isto son bandazos, bandazos que estamos vendo que se dan nun problema que en Galicia non existe, non é palpable, pero non nas institucións senón na totalidade da poboación" e engadiu que "Galicia é unha autonomía, unha autonomía consolidada e alcanzamos unhas cotas de benestar impensable hai moitísimos anos e evidentemente non vamos abrir novas espitas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí