CRTVG

Buscar

A Entrevista

Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia

11/06/2017 - 14:10 h
Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia

O representante de Galicia na comisión de expertos que aborda a reforma do sistema de financiamento autonómico pide que País Vasco e Navarra contribúan aos fondos de solidariedade. Na Entrevista da Radio Galega, Santiago Lago dicía este domingo que "nalgún momento temos que integrar a esas comunidades autónomas nos fluxos de nivelación".

A realidade é que hoxe un vasco ou un navarro pagando os mesmos impostos ou mesmo algo máis baixos que un galego ten un sector público con moitos máis recursos e mellores servizos públicos. Esto non é razoable. Pódese manter o sistema foral. Podes manter esa excepcionalidade. Non existe ningún país federal no mundo no que o Goberno Central non teña poder tributario nunha parte do territorio. Pero mantendo iso pódese calcular ben o cupo e pódese calcular ben a achega navarra e iso faría que, estiveras nun sistema ou noutro, se pagan un determinado nivel de impostos os teus servizos públicos son semellantes. Vai ser difícil pero pódese facer

Lago recoñece que a ausencia das comunidades forais e de Cataluña da comisión, "as comunidades menos solidarias ou que poñen en cuestion en maior medida esa solidariedade" -di-, facilita a posibilidade de acordo entre os expertos. Explica que "a Galicia lle interesa moito que se manteña a nivelación e a solidariedade interterritorial" e engade que "nisto creo que imos pola boa dirección". Dase de marxe como moito ata setembro para ter un acordo técnico antes de pasar á fase política das negociacións. "Estánse producindo avances, creo que importantes, pero é complexo" e explica que agora "non estamos pensando tanto en cifras concretas como na arquitectura do sistema".

Lago avala tamén que a Xunta non recorrera ao FLA para manter a autonomía da comunidade e discrepa das críticas efectuadas por En Marea.

É lóxico que nun primeiro momento non se accedera porque obviamente entrar no FLA supoñía perder autonomía en maior ou menor grao, pero supoñía estar en mans do que decidira o Ministerio, por iso o Ministerio tiña moito interese en que todos entrasen no FLA porque era o xeito de ternos a todos agarrados, ben collidos, e impoñendo determinadas decisións

Dende un punto de vista de autonomía dende logo non entrar no FLA ten sido bo para Galicia

Engade que si entende que para abaratar o financiamento Galicia se teña sumando ao Fondo de Facilidade Financieira: "O que está facendo a Xunta tal e como son as condicións é razoable". O tamén Director do Foro Económico de Galicia anuncia unha revisión á alza das previsións económicas para este ano tras detectar unha aceleración das taxas de crecemento en marzo.

Sorprendeunos. non contabamos con ela, pero é unha realidade que é moi compatible co que está pasando en España. En España tamén pensabamos que o crecemento estaba desacelerándose e que estabamos claramente alonxándonos do 3% para abaixo e camiñando cara un 2.5, pero de súpeto vemos que de novo estáse a acelerar, está tirando o consumo privado, o sector exterior está indo ben, o turismo está indo moi ben e polo tanto as cifras están sendo mellor do que pensabamos hai 6 meses

Imos rematar 2017 en Galicia máis preto do 3% de novo que do 2.5

Santiago Lago demanda "autonomía" do Santander para a súa estructura na comunidade tras integrar o Popular. Asume que a operación suporá perda de emprego e advirte do risco de peche de sucursais no rural pero remarca a fortaleza do Santander.

Vainos dar estabilidade e ogallá que lle dea tamén unha autonomía á delegación territorial do banco que estea acorde coa relevancia que vai ter. En Galicia vai ser a segunda entidade financieira tras Abanca e polo tanto non vai ser o Santander de antes, o novo Santander en Galicia vai ter unha referencia fundamental

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí