CRTVG

Buscar

A Entrevista

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo

16/04/2017 - 14:10 h
Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo

Salustiano Mato reclama que se suprima o límite da taxa de reposición para a convocatoria de prazas na universidade e pide, dende a Entrevista da Radio Galega, que se autoricen prazas en función da capacidade económica de cada institución. Deixou claro que nos próximos anos na universidade de Vigo "nós imos a convocar o cento por cento de reposición porque somos unha universidade saneada", pero foi máis aló e afirmou:

Nós estamos loitando porque se suprima a taxa de resposición e o que debería facer o Ministerio de Facenda no mundo universitario é suprimir a taxa de reposición e autorizar as prazas en función da capacidade económica que ten cada universidade que é o xusto porque así crearíamos máis emprego e consolidaríamos a máis investigadores

Mato reivindica que a institución olívica está saneada e conclúe que "temos músculo económico e necesidades para ir a máis. Non nos chega a taxa de reposición".

O reitor da Universidade de Vigo tamén defende a pervivencia de duplicidades de títulos no sistema universitario galego. Na Entrevista da Radio Galega dicía que "parece que está de moda pensar que títulos duplicados son ineficientes. Non. Non. Absolutamente non". Argumenta que hai carreiras en que a demanda social xustifica a duplicidade e pon como exemplo enfermería ou maxisterio. En xeral afirma que "agora mesmo eu creo que estamos en bastante equilibrio" e lembra que "estes títulos non teñen problema porque se ocupan todas as prazas". En todo caso defende o traballo de coordinación que se está a facer coa Consellería para orientar eses títulos "en darlles matices moi ligados á especialización" e concreta que "estamos falando de orientar cada un dos títulos que están duplicados na liña de especialización do campus".

De feito, entende que a revisión iniciada do mapa de titulacións debe responder a dous criterios: a especialización dos campus e atención da oferta universitaria á demanda social. Reivindica que a universidade de Vigo leva tempo cunha taxa de ocupación das prazas de matrícula do "90 e pico por cento" e que teñen especializado os seus campus. Nese senso, lembra que "xa ao longo destes anos suprimimos títulos de grao por convencemento propio" e por iso asegura que "xa non temos que renunciar a ningunha das titulacións que impartimos". De feito, salienta que "imos poñer en marcha algún título novo como Enxeñería Biomédica" sen pechar outras titulacións, optando por reducir a matrícula outras enxeñerías.

O reitor da Universidade de Vigo tamén se referiu na Entrevista da Radio Galega á situación do Campus do Mar. Tras a decisión de Abel Caballero anunciada o venres de ceder e dar vía libre aos convenios da ETEA, Salustiano Mato insiste en que a universidade olívica sempre "intentou ser cemento e lugar de acordo de todas as institucións para sacar adiante un proxecto que é bo para a Universidade pero sobre todo é bo para Vigo". Insistía en que, se non se puidese ter a sede corporativa do Campus do Mar, na ETEA faríase noutro sitio pero que non renunciarían aos fondos europeos que solicitaran. Defendeu en todo caso que esa vía pactada coa Xunta e a Zona Franca que tiña bloqueada o alcalde vigués era a única viable e evita entrar en polémicas tras as acusacións recibidas de Caballero.

Unha cousa é a linguaxe política cando hai unha confrontación ou unha campaña electoral e outra cousa é cando estamos representando a institucións no que nos debemos a unha linguaxe institucional e sobre todo construtiva porque o primeiro que temos que pensar é no beneficio para os cidadáns

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí