CRTVG

Buscar

A Entrevista

Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura

09/04/2017 - 14:10 h
Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura

O conselleiro de Educación anunciou este domingo na Entrevista da Radio Galega "cifras semellantes ou mesmo superiores" ás deste ano nas oposicións de ensino dos próximos exercizos. Tras concretarse esta semana a oferta para este ano de 1043 prazas, Román Rodríguez dixo que "nos vindeiros anos imos manter sempre esta senda"

É dicir, ir ao cento por cento como mínimo da taxa de reposición para acadar nun horizonte temporal razoable unha taxa de interinidade arredor do 5 ao 8 por cento

E engade nese senso que nas convocatorias dos próximos anos haberá "cifras semellantes ou mesmo superiores"

En función tamén da dinámica de xubilacións e das necesidades de poder afrontar unha estabilidade do profesorado

En relación á investigación aberta pola Valedora do Pobo sobre as novas probas de avaliación que substitúen á selectividade, Rodríguez lanza "unha mensaxe de total tranquilidade, de total seguridade xurídica". En concreto, explica que era coñecido dende principios de decembro que non quedarían exentos da proba de galego os alumnos que non cursaran a materia en 1º de bacharelato.

Isto era coñecido dende principios de decembro cando se publicou o Real Decreto Lei que regula estas cuestións. Por certo, aprobado por todas as formacións políticas no ámbito estatal

O conselleiro pon en valor o traballo que se está facendo para intentar fraguar un pacto educativo que evite constantes cambios de normativa no eido do ensino. Aposta por acadar maior estabilidade reforzando á vez os obxectivos de calidade e equidade. E en termos semellantes presenta o traballo que se desenvolve no ámbito galego para a revisión do mapa de titulacións universitarias para o que demanda que "temos que poñer as luces largas e temos que ver máis aló de cuestións concretas de cada caso e temos que mirar para o futuro e ver se podemos mellorar o sistema".

Román Rodríguez tamén deixaba unha reflexión nos micrófonos da Radio Galega logo dos últimos casos de conflicto que se teñen publicado entre pais e profesores.

A educación dun neno non é exclusivo do sistema educativo. A familia, o conxunto da sociedade e por suposto o sistema educativo temos que formar os nosos mozos en coñecemento, en competencias, pero sobre todo en valores. E creo que os profesores deben sentir sempre o apoio da familia

O conselleiro de Cultura tamén se laiaba na Entrevista da Radio Galega das tensións internas evidenciadas no seo da Real Academia Galega.

Non é bo para a cultura nin bo para o pais que unha das institucións máis senlleiras teña un ambiente interno de desunión

Pero matizou que "o importante é que o actual presidente e o seu equipo miren para o futuro e teñan gañas de traballar a prol da cultura e a lingua galega. Creo que iso é o máis importante máis alá de que no seu seo haxa divisións".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí