CRTVG

Buscar

A Entrevista

Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG-PSOE

04/06/2017 - 14:10 h
Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG-PSOE

A presidenta da xestora dos socialistas galegos, Pilar Cancela, advírtelle a Pachi Vázquez, na Entrevista da Radio Galega, que as primarias demostraron que en Ourense existe agora unha maioría no PSdeG que representan outras persoas.

O que aconteceu en Ourense é evidente. Nun momento había unha posición maioritaria que representaban unhas persoas. Agora existe outra posición maioritaria que representan outras

Con todo, Cancela di que "non hai que facer unha valoración de perdedores e gañadores" das primarias e que "agora o que toca é respectar o resultado e sumar". Afirma que se sente "fortalecida polo proceso de participación democrática exemplar que acaba de demostrar o Partido Socialista" pero matiza que "nunca analicei todos estes procesos en clave persoal".

Pilar Cancela sitúa como o próximo reto a convocatoria do Congreso que o PSdeG ten pendente en Galicia: "Terá que ser a nova dirección a nivel federal quen tome a determinación" de poñerlle data ao Congreso, pero insiste en que "canto antes rematemos con esta situación de provisionalidade e interinidade moitísimo mellor". Cancela non pecha a porta a presentarse: "A verdade é que non é unha decisión que teña tomada en absoluto" pero matiza que "creo que estas decisións sempre teñen que ser colectivas e teñen que responder a un proxecto colectivo, non proxectos persoais". E, nese senso, evita pronunciarse sobre outras voces do socialismo galego que poderían dar o paso. Por exemplo, di de Valentín González Formoso que "é un excelente presidente da Deputación da Coruña. Poderá ser o que el queira ser". En xeral insiste en que "aquel compañeiro ou compañeira que considere que ten unha proposta non só orgánica senón tamén política e de proxecto para Galicia debe dar un paso adiante se así o considera".

A presidenta da xestora do PSdeG avoga abertamente por tender pontes con Podemos pero dende a premisa de que é o socialismo o que encabeza agora á esquerda en España:

Entendemos que a sociedade mudou e, polo tanto, como mudou temos a obriga de abrir pontes de entendemento con outras forzas de esquerda porque creo ademais que o partido vai quedar tremendamente reforzado, imos ser dun xeito indubitado a referencia da esquerda neste país

Pero matiza que ese entendemento "non pode ser a calquera prezo".

Pilar Cancela dá marcha atrás nas súas críticas ao estilo de oposición que desenvolve o grupo parlamentario do seu partido. Se hai unha semana avogaba por endurecer o discurso político e facer unha oposición máis contundente, este domingo na Entrevista da Radio Galega Cancela dixo que Leiceaga "está facendo un traballo excelente no grupo parlamentario" e que ela fai "unha valoración excelente do traballo do portavoz e do grupo parlamentario".

A presidenta da xestora dos socialistas galegos nega que o partido cambiase a súa posición en relación á investigación do sinistro de Angrois, aínda que recoñece que "chegou o momento de priorizar as vítimas. Hai que abrir unha etapa de normalidade e transparencia"

En todo caso, defende que sempre promoveran que esa investigación se desenvolvese no Congreso e recrimínalle a En Marea que non se chegase a abrir na anterior lexislatura.

Cando foi a lexislatura curta no Congreso estivemos a piques de chegar a un acordo maioritario para poder solicitar esa comisión de investigación, pero foi pola redacción dunha frase onde neste caso Podemos, en concreto En Marea, non quixo chegar a ese acordo. E foi unha mágoa porque xa entón o puidemos acadar

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí