CRTVG

Buscar

A Entrevista

Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG

12/03/2017 - 14:10 h
Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG

Pilar Cancela non descarta dun xeito tallante presentarse ás primarias do PSdeG e matiza que é unha cuestión que non ten pensada. 

Non o descarto nin o deixo de descartar. Simplemente neste momento non se me pasa pola cabeza. Non é unha cuestión que forme parte nin da miña preocupación nin da miña ocupación

Cando se lle pregunta se non pensou niso responde que "non, a verdade é que non. Dígollo sinceramente". Tamén nega que estea sobre a mesa o regreso de Xosé Ramón Gómez Besteiro á primeira liña do partido. Limita os comentarios nese sentido a un ruxerruxe mediático.

Eu que falo con el a miúdo, non está enriba da mesa ese tema. Polo tanto, se el non o ten enriba da mesa, como o vou ter eu?

Cancela recoñece que na xestora galega "non temos ningún peso" no deseño do calendario de primarias para a elección da dirección do PSdeG. Con todo di que "non dou por imposible" que o Congreso autonómico aínda poida chegar a celebrarse antes do verán e lembra que se ten manifestado nesa dirección diante de Ferraz. Marca como obxectivo pechar en 2017 todo o debate orgánico dentro da formación para que en 2018 se poidan centrar noutro tipo de mensaxes políticas.

En todo momento ao longo da entrevista, a presidenta da xestora socialista afástase de calquera polémica. E nesa dirección elude responder ás críticas efectuadas a semana pasada polo ex-secretario xeral Pachi Vázquez

Non vou valorar esas manifestacións. Afortunadamente este é un partido democrático e cada quen pode manifestar o que considere

Cancela tamén evita mollarse por un candidato nas primarias nacionais. Explica que por cuestións de axenda non acompañará a Pedro Sánchez na súa próxima visita a Galicia pero insiste en que a xestora se puxo a disposición dos candidatos para facilitarlles os recursos da formación para a súa campaña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí