CRTVG

Buscar

A Entrevista

Puy, na RG, sobre o futuro de Núñez Feijóo: “Calquera dos camiños que finalmente decida son perfectamente entendibles e bos para o país”

17/06/2018 - 14:10 h
O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegura en 'A Entrevista' da Radio Galega que calquera decisión que tome Alberto Núñez Feijóo sobre o seu futuro político será bo para o país. Na conversa, Puy afirma que dá a “impresión de que está tomando unha decisión meditada e responsable diante dunha situación imprevista e nova e na que efectivamente hai unha demanda importante de diferentes membros do Partido Popular para que sexa el quen encabece o proceso de renovación do Partido Popular”. Dito isto, Puy engade que “ao mesmo tempo, ten unha obriga coñecida de todos que é a de ser presidente da Xunta, polo tanto é unha decisión moi importante”. “Eu creo que calquera dos camiños que finalmente decida pois son perfectamente entendibles e bos para o país”, engadiu, “e polo tanto o que temos que facer é agardar, cando menos a que se abra o prazo para a presentación de candidatos” e saber a decisión que tome.

Puy eludiu pronunciarse pola súa opinión sobre o camiño que deba tomar Núñez Feijóo e limitouse a dicir que “eu aconsellaría, se me pedise consello, o que considerase oportuno”. Para o voceiro popular no Parlamento galego, Núñez Feijóo debe “decidir el persoalmente que considera que é mellor” e considera que nesa decisión  “vai ter moito que ver o sentido do deber e o sentido do público e dun momento político importante para o noso país”.

Respecto aos nomes que saltan estes días como posibles candidatos ou candidatas, Puy entende que “os nomes o que reflicten é que hai unha vida no Partido Popular que moitas veces é cuestionada dende fóra” e que “hai un interese por facer vida no partido e orientar o partido ideoloxicamente a unha nova realidade social”.

Sobre a eventual compatibilidade entre ser presidente da Xunta e presidir o PP,  no caso de que o presidente da Xunta optase a ser candidato e finalmente fose elixido, Puy di que se avaliará “cando se dea” esa posibilidade e lembrou que nestes momentos “non hai ningunha incompatibilidade de carácter xuridico” e postergou calquera avaliación ao que se produza finalmente.

O voceiro parlamentario do PPdeG tampou considera que no caso de que Núñez Feijoo dea o salto á política estatal haxa que adiantar eleccións autonómicas en Galicia como pide En Marea. Na opinión de Puy, “hai un único grupo que está pedindo un adianto electoral e quen o pide, dentro dese grupo, o fai máis que nada por ser el o candidato dese grupo que por outras circunstancias”.  Para Puy, non ten ningunha lóxica pedir un adianto electoral en Galicia porque “con indiferenza da decisión que adopte o presidente da Xunta o día seguinte o grupo popular vai ter 41 deputados e polo tanto unha maioría estable”.

Sobre a súa persoa en particular como posible candidato a suceder a Núñez Feijóo no caso de que o presidente da Xunta dese o salto e deixara o cargo de presidente, Puy admite que é “natural que se especule” pero lembra que teñen que darse moitas circunstancias e que el ten “obrigas no Parlamento”. Acto seguido engadiu que “podo garantirlle que iso é o único que me preocupa” e que non vai entrar en especulacións que co paso do tempo ao mellor “son inútiles”.
Programa de entrevistas
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí