CRTVG

Buscar

A Entrevista

Pedro Puy, voceiro do PPdeG no Parlamento de Galicia

07/05/2017 - 14:10 h
Pedro Puy, voceiro do PPdeG no Parlamento de Galicia

Pedro Puy recoñecía este domingo na Entrevista da Radio Galega que "desexaría que o PSOE tivese unha dirección e non estivese sempre como nos últimos tempos suxeito a interinidades ou provisionalidades", pero evitou posicionarse a favor dalgún dos tres candidatos que compiten nas primarias. Si foi máis explícito cando se lle pregunta se o voceiro parlamentario do PSdeG sería un bo secretario xeral dos socialistas galegos.

Teño que recoñecer que o profesor Fernández Leiceaga coñézoo dende hai anos porque é compañeiro na universidade. Sei da súa valía persoal e polo tanto estou seguro que calquera cargo ou misión ou traballo que se lle encargue o faría como fai todo, con responsabilidade e grandes doses de acerto

O voceiro parlamentario do PPdeG valora os avances acadados no Congreso de cara á aprobación dos orzamentos xerais do Estado.

Son uns orzamentos bos para darlle estabilidade ao crecemento económico que está a experimentar España e non sería bo que por falta de orzamentos se frease ou se detivese porque xa o ano pasado comprobamos que un exercizo sen orzamentos detén o investimento público, detén a capacidade de continuar mellorando as cousas. En segundo lugar, para Galicia son uns orzamentos que manteñen compromisos de gasto fundamentais, por exemplo en relación coas grandes infraestructuras como pode ser o AVE. Somos a segunda comunidade en termos per cápita que recibe investimentos do Estado. Polo tanto é unha boa nova que haxa unha maioría suficiente para que o país non se volva a deter por falta de orzamentos

Pedro Puy lembra que o PSOE se negou a pactar as contas públicas estatais, pero non pecha a porta a que os apoios poida mudar.

Que os próximos orzamentos sexan coas mesmas forzas políticas é unha posibilidade. Hai un antecedente. Eso non quere dicir que, unha vez que os socilalistas por exemplo resolvan os seus problemas, poidan entrar a unha negociación xa cun liderado consolidado para facer outro tipo de orzamentos

Puy tamén salienta que esta lexislatura se percibe un clima de debate máis razoable no Parlamento Galego.

Na cámara galega hai unha parte que é a das relacións parlamentarias propiamente ditas. É certo que sempre pode haber algún deputado e na pasada lexislatura había algún que mesmo exercía a portavocía dalgún grupo da oposición que non mantiña as formas parlamentarias. O que si é certo é que a relación en liñas xerais nesta lexislatura no ámbito de debate, de organización da propia cámara, é máis razoable e as diferenzas políticas como é natural seguen sendo as mesmas

O voceiro parlamentairo do PPdeG tamén se amosa esperanzado de que nas eleccións presidenciais francesas venza Emmanuel Macron. Entende que a Galicia "un triunfo que nos prexudicaría sería o da dereita extrema proteccionista de Le Pen".

É importante que os populismos, sexan do signo que sexan, neste caso da extrema dereita, as persoas que cremos nas institucións, na democracia, no Estado de Dereito, nos vellos principios que veñen moitos deles da Revolución Francesa, teñan un novo pulo co triunfo dun candidato que defende estes principios xerais e non dunha candidata que está claramente en contra deles

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí