CRTVG

Buscar

A Entrevista

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG

19/03/2017 - 14:10 h
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG

Miguel Tellado marca como prioridade do PPdeG a renovación interna de cara ás próximas eleccións municipais. "Renovarnos para gañar" afirmaba este domingo na Entrevista da Radio Galega.

Igual que fixemos no ámbito provincial e no autonómico, é a mesma receita para ser alternativa de goberno nas cidades onde perdemos o goberno hai 2 anos, renovar equipos, renovar liderazgos, buscar as persoas adecuadas para liderar novos proxectos de futuro

Como secretario xeral, Tellado declárase neutral, pero valoraría que Ramón Carballo dese o paso e liderase o PP de Lugo.

É un dos nomes que está soando. Creo que é unha persoa que ten unha traxectoria política e profesional intachable. Dende logo é unha persoa moi respetada na cidade. Hai quen di que Ramón Carballo sería o Orozco do PP pero eu creo que sería mellor que Orozco sen lugar a dúbidas, pero en calquera caso o congreso aínda non está convocado e lle corresponde a el tomar a decisión de se se presenta ou non. Cre é unha persoa que aglutina á maioría do partido e que sería un bo líder

Miguel Tellado tamén abre a porta ao regreso do conselleiro José Manuel Rey Varela a Ferrol.

José Manuel Rey foi o mellor alcalde que tivo nunca Ferrol e eu que vivo nesa cidade o que me atopo no día a día é que hai moita xente que pide que José Manuel Rey volva e que volva porque a situación de parálise e caos que vive a cidade é absoluta e ten un responsable que se chama Jorge Suárez

En relación á candidatura de Beatriz Mato para liderar o PP da Coruña, o número dous dos populares galegos.

Mato ten unha vagaxe política moi importante e creo que fala por sí mesma. En calquera caso, correspóndelle a decisión aos militantes do PP da Coruña, pero creo que o importante é que persoas con peso político se presenten aos congresos, pedindo o apoio da militancia para construír proxectos colectivos, proxectos plurais, proxectos gañadores, proxectos participativos porque, ao final, o verdadeiramente importante é constituirnos en alternativa nunha cidade como a Coruña, onde vemos todos os días a situación de desgoberno en que se atopa a cidade e nós o que queremos é non só criticar o que fai mal Xulio Ferreiro, que fai moitas cousas mal, senón que o que temos é a obriga de constituirnos en alternativa cun liderado novo, un proxecto político novo, participativo, un proxecto ilusionante, un proxecto de cambio que estea en opcións de obter o apoio da cidadanía

Nese sentido, resalta o liderado de Elena Múñoz no PP de Vigo fronte a Abel Caballero.

Vigo non ten un alcalde. Vigo ten un polemólogo. Á fronte da alcaldía temos a un señor que se dedica todos os días a polemizar absolutamente con todo o mundo e contra todo o mundo. Está en contra do Celta, está en contra da universidade, está en contra da Xunta. Ve inimigos por todas partes. Está en contra da xestora do seu propio partido. E eu creo que o señor Abel Caballero se ten convertido nunha mala caricatura de si mesmo e creo que como polémologo está moi ben, podería ser un magnífico comentarista, pero unha cidade o que necesita é un líder que xenere consensos

En relación ao escenario político nacional, Miguel Tellado di que unhas terceiras eleccións serían negativas para España e critica a unha "oposición oportunista que o que busca é a parálise de España" despois da votación esta semana do decreto da estiba. Tellado tamén opina sobre as primarias para elixir o novo líder do PSOE e advirte que a opción de Pedro Sánchez sería "francamente calamitosa" e que tampouco cre que a alternativa sexa o modelo de Andalucía.





Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí