CRTVG

Buscar

A Entrevista

“Imos ter representación en todas as cidades e vaise incrementar porque nestes momentos estamos nun momento diferente"

11/02/2018 - 14:10 h
“Imos ter representación en todas as cidades e vaise incrementar porque nestes momentos estamos nun momento diferente

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, amósase convencido na Radio Galega que o BNG recuperará o espazo perdido nas próximas eleccións grazas, entre outros, a que agora “hai unha liña de traballo seria, rigorosa”, cunha voceira nacional “que a min persoalmente me representa moi dignamente” e porque a imaxe do BNG cambiou fronte a outras formacións “emerxentes” ás que di non ver en ascenso. No espazo A Entrevista, cun “sen dúbida ningunha” expresaba a súa confianza na recuperación electoral do BNG nas municipais. Dito isto, o rexedor admitía que “outra cousa é que para dar un salto e estar gobernando noutras cidades non vai ser moi fácil”.

O que si confía e cre é que o BNG vai “ter representación en todas as cidades e que esta representación se vai incrementar porque si".

Porque eu creo que nestes momentos estamos nun momento diferente, hai unha liña de traballo seria, rigorosa. Temos unha portavoz nacional que a min persoalmente me representa moi dignamente e polo tanto como que a imaxe do BNG cambiou

O alcalde de Pontevedra non só argumentou en clave interna, tamén en comparación con outras formacións ao asegurar que “outras forzas políticas emerxentes creo que non están nese proceso de crecemento que nos pode impedir a nós ter unha representación máis ampla”.

Ao preguntarlle por esas formacións emerxentes encarnadas polas Mareas, Fernández Lores puxo en cuestión que teñan proxecto e que desen o resultado agardado. Na súa opinión, “xeraron máis expectativas do que a realidade nos está deparando” e botou en falta un “proxecto claro, experiencia tamén de goberno e propostas un pouco máis serias e rigorosas”. Acto seguido, reafirmouse na súa condición de membro do BNG en contraposición coas mareas ao aseverar que acredita “no nacionalismo e no nacionalismo do BNG porque ten unha historia detrás e uns plantexamentos perfectamente definidos de defensa do país, e defensa tamén de modelos urbanos diferentes e, a ver, ata aí podo chegar”. Non obstante apostilou, “non acredito nas mareas nin acredito en que poida haber ese acordo entre distintas forzas políticas con, ademais, obediencia estatal. Eu non aposto por iso”.  Malia apuntar que non quere que "se entenda que estou criticando”, si dixo que “o resultado dese traballo para min en moitos aspectos é decepcionante”

A clave do BNG, para Lores, pasa por “preocuparnos de nós mesmos" e "dar alternativas serias e rigorosas” para logo opinar que “creo que os cidadáns que son intelixentes acabarán apostando polo nacionalismo”. No que a Lores respecta, o rexedor do BNG -que xa anunciara a súa intención de presentarse de novo nas locais de 2019- admitiu que na súa contorna non gustou que adiantara esa disposición con tanto tempo de antelación.

Xa se pode dicir publicamente: á miña xente non lle gustou nada que dixera que me presentaba con tanta antelación, polo tanto, non vou dicir absolutamente nada máis ata pasadas as próximas eleccións

Lores confesa que aspira a conseguir maioría absoluta, aínda que considera que “ás veces non é imprescindible ter maioría absoluta para facer cousas” porque “a política do consenso e do acordo” é positiva. Xa pensando en próximas locais posteriores ás de 2019, Lores non dixo abertamente que optaría pero si cualificou como “intranscendente” a limitación de mandatos. No caso local, argumenta, a “política municipal é moi complexa” e “facer un modelo urbano serio leva tempo executalo”.

O rexedor segue defendendo  que tanto ENCE como Elnosa non estean na ría de Pontevedra. Só ve “reconducible” a situación se Ence se traslada a un espazo industrial bastante lonxe da cidade e dende a Xunta hai unha nova política forestal. Asegura que Ence "ocupa un espazo que non debería” e reduce a súa importancia para o emprego e desenvolvemento económico de Pontevedra. Para iso, Lores tira de datos ao asegurar que “nós temos o 9 por cento de emprego industrial” e que dentro diso, “realmente ENCE significa de todo isto unha porcentaxe moi pequena”. Para o rexedor pontevedrés, non se pode “asimilar emprego con Ence” e “non se pode asimilar riqueza con Ence”

Sobre as relacións coa Deputación de Pontevedra, Lores insiste en que “seguimos sendo críticos” con esas institucións pero recoñece que agora “hai unha relación máis leal”.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí