CRTVG

Buscar

A Entrevista

Luis Villares, voceiro parlamentario de En Marea

05/03/2017 - 14:10 h
Luis Villares, voceiro parlamentario de En Marea

Luis Villares amósase disposto a asumir a portavocía de En Marea. Na Entrevista da Radio Galega afirmou este domingo que "estaría disposto evidentemente".

Tampouco teño ningún problema en que o fagan outras persoas. Pensamos que coralidade e a referencialidade son complementarias

O voceiro parlamentario da organización quítalle ferro a que a lista que el encabezara o vetara para o posto.

A sociedade entende perfectamente que unha persoa ao mellor non pode emitir todo o discurso e hai cuestións que son máis internas ou que son máis de traballo estrictamente orgánico das que pode falar outra xente

E apunta nese sentido a Xosé Manuel Beiras.

Creo que sería un bo voceiro sen dúbida. Por qué? Pois porque ser voceiro do espazo da confluencia ninguén mellor que o primeiro teórico sobre o espacio de confluencia para poder facelo. Polo tanto sería, se el quixera e se fose a súa vontade, sería unha boa noticia

En todo caso considera que ese debate non é prioritario e adia unha posible solución.

Que non haxa voceiro o que significa é que o Consello das Mareas ten outras prioridades. Entendemos que eso non era o primeiro, tiñamos que organizar primeiro a forma de desplegar a organización, tamén a fixación de posición política en temas importantes e polo tanto esas eran as prioridades que cremos que preocupan á sociedade galega e son polas que nós temos que empezar. Eso é do que nos estamos ocupando neste momento. En canto á fixación de prazo, cando teñamos un momento porque cremos que o esencial agora é ocuparnos dos problemas da xente

E nesa liña Villares atribúese un papel como elemento de cohesión dentro de En Marea marcándose como obxectivo a consolidación do proceso de confluencia.

O meu papel ahí é intentar cohesionar todo o espazo e chegar a todo o mundo e seguir sumando esforzos. E ser un máis entre todo o espazo de confluencia que sexa capaz de aglutinar esas voces

Declárase satisfeito de terse embarcado no proxecto e insiste en que é "unha decisión de longo percorrido".

O voceiro parlamentario de En Marea defendeu na Entrevista da Radio Galega o traballo desenvolvido polos alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Xulio igual que Martiño, igual que Jorge, é un referente para nós porque son baluartes, son buques insignias da nosa aposta política

Veos con maioría absoluta tralas próximas eleccións locais e cualifica de "moi positiva" a súa xestión. Sinala como un dos cambios a ausencia de escándalos de corrupción e argumenta que ademais se puxeron en marcha unha serie de políticas de transformación que precisan tempo para madurar.

Políticas de carácter transformador, como pode ser a implementación dunha renda social municipal como é o caso que están intentando levar a cabo estes concellos. Foi algo que no primeiro momento non se puido levar a cabo ata que se estableceu un marco normativo que o permitise. Despois, no primeiro ano se produciron dificultades para que tiveran plenos efectos despregados e ata que remate 2017 non imos ver plenamente despregada a eficacia desa renda. Sen embargo, é algo que xa está posto en marcha

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí