CRTVG

Buscar

A Entrevista

Villares admite que En Marea non ten "ningún interese" en incluír "o dereito a decidir" de Galicia "en ningunha axenda"

08/10/2017 - 14:10 h
Villares admite que En Marea non ten

O voceiro de En Marea no Parlamento galego, Luís Villares, defende na Radio Galega o dereito a decidir de Galicia ao ser "unha nación" pero admite que a súa formación neste momento non ten "ningún interese" en poñelo enriba da mesa de "ningunha axenda porque "consideramos que non existe unha pulsión social arrredor do seu exercicio". Así o aseguraba Luís Villares na Entrevista ao se lle preguntar pola cuestión identitaria. Para o líder de En Marea, "simplemente somos titulares dese dereito".

Ante os acontecementos en Cataluña e logo do referendo do 1-O suspendido polo Constitucional, Villares recoñeceu que non ten validez xurídica pero si efectos políticos. O voceiro de En Marea admitiu que"xuridicamente é difícil outorgarlle validez dende o punto de vista constitucional habida conta de que o Tribunal Constitucional o suspendeu. Polo tanto iso é indubidable, que dende ese punto de vista non ten efectos xurídicos". Nesa liña tamén apuntou que "dende o punto de vista da propia lexislación catalá aprobada, á vista do ditame dos observadores internacionais, tamén é difícil". Non obstante, Villares destacou que "os efectos políticos son claros. Existe unha vontade cidadá clara de decidir politicamente como queren organizar o seu goberno e polo tanto esa vontade política ten que ser respectada".

Sobre a ruptura de voto no seo do seu grupo parlamentario na última xornada do debate sobre o estado da autonomía na votación dunha proposta feita polo BNG sobre o dereito a decidir e o referendo ilegal do 1-O, Villares restoulle importancia. Segundo indicou, "houbo compañeiros e compañeiras que pensaron que a forma na que estaba redactada, pois daba a entender unha forma concreta de percibir a situación política de Cataluña e por iso decidiron desmarcarse pero foi simplemente unha cuestión de percepción da ambigüidade coa que estaba redactada a resolución".
Na conversa Luís Villares afeoulle ao presidente da Xunta usar "Cataluña para non falar dos problemas de Galicia" no debate sobre o estado da autonomía. Respecto da súa relación dialéctica co presidente da Xunta, Villares di que é "reconducible na medida en que o noso interese é falar dos problemas de Galicia e solucións" para Galicia.

Non obstante, para Villares, "cando Núñez non ten argumentos o que fai é ou falar deCataluña ou pretender embarrar falando de supostos pasados dos demais e de cando en cando tamén temos que recordarlle, oe, todos temos pasado e desde logo o seu, se cadra, non é como o temos outros. Dános igual. Iso nos parece secundario, o importante é falar dos problemas da xente, sobre todo de solucións para a xente. O debate deste ano demostrou que o Partido Popular non ten ideas para este país".

Respecto ás relacións que Villares mantén con Xulio Ferreiro, o alcalde da Coruña, e con Xosé Manuel Beiras, o líder de En Marea asegura que "son boas tanto con un como con outro". E de cara ás municipais, preguntado por se Podemos pode presentar candidaturas fóra das mareas municipalistas, Villares limitouse a dicir que "a experiencia nos demostra que xuntos e xuntas somos capaces de chegar moito máis lonxe".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí